- Tematica
A localidade de Bertamiráns acolleu este domingo, 22 de decembro, unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo. Tomás Pombo quedou en primeira posición, seguido de Juan José Bodelo e Xoel Blanco, que quedaron en segunda e terceira posición respectivamente. Nesta proba participaron arredor de 80 ciclistas. Antes da carreira, houbo unha xincana na que participaron nenos e nenas. Repartíronse sete premios, catro para os sprint especiais e disputados nas voltas 10, 15, 20 e 25, e outros tres premios para os tres primeiros clasificados da proba.
Arredor de 80 ciclistas participaron este domingo na XVII Carreira Ciclista do Pavo. Os participantes tiveron que dar 30 voltas ao circuíto, duns 1.100 metros de lonxitude. O gañador da proba foi Tomás Pombo, do Club ciclista padronés Aluminios Cortizo, mentres que na segunda e terceira posición quedaron Juan José Bodelo, do Club ciclista Compostelano Muebles Compostela, e Xoel Blanco, do Club Cocinas Lasal.
Ademais, ao comezo das voltas 10, 15, 20 e 25 realizáronse catro sprints especiais ao paso por meta, para repartir agasallos de Nadal entre os gañadores. Os premios dos sprints foron para Alexandre Rodríguez, do Club ciclista Cambre; Cristián Lapido, do Club ciclista Oiense; Ángel Maneiro, do grupo deportivo supermercados Froiz; e Tomás Pombo, do Club ciclista padronés Aluminios Cortizo.
Como xa é habitual, os premios da carreira consistiron na entrega dun pavo, un polo e unha perdiz para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Cómpre sinalar que non se trata de animais vivos, e que estes obsequios se entregan ás primeiras persoas en cruzar a meta, ao só haber unha categoría de competición.
No acto da entrega de premios estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e outros/as concelleiros/as do grupo de goberno, así como representantes do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego de Ames.