Pestanas principais

Arredor de 800 persoas asistiron as actuacións do programa Cultura de Bar

Martes, 03 de xullo de 2012

[03-07-2012] A fin de semana pasada rematou o programa Cultura de Bar. Este programa pechouse cun balance moi positivo. Tanto os veciños que asistiron a ver as actuacións, que se enmarcaron dentro deste programa, coma os hostaleiros que participaron nesta iniciativa mostraron a súa satisfacción por este programa de dinamización da hostalería. Durante catro venres e un sábado do mes de xuño un total de 16 establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron varias actuacións de maxia, música, contacontos e humor. Dende a concellería de Promoción Económica do Concello de Ames estiman que un total de 800 persoas gozaron destas actuacións.


O programa Cultura de Bar pechouse coas actuacións de Miguel Alonso, Paul Black, o mago Romarís e o grupo Duodeno. En Bertamiráns a Cafetería A Charca acolleu a actuación do cantautor en galego Miguel Alonso, que deleitou a todos os asistentes coa súa voz e novidosas letras. Nesta mesma localidade, no bar Meigas, estivo o músico irlandés Paul Black. Como é habitual nel conseguiu atrapar coa súa música a todo aquel que se achegou por este local. Tanto é así que ata conseguiu que algunha espectadora o acompañase coas letras dalgunhas das súas cancións.

Por outra banda, no Milladoiro, houbo outras dúas actuacións. Primeiro, no Babía Café estivo o grupo Duodeno, que entre outros temas interpretou un tema propio denominado Cultura de Bar, que se estableceu como a banda sonora deste programa de dinamización da hostalería. Ademais, o mago Romarís achegou o seu espectáculo de maxia ata o bar Premium. Cómpre destacar que entre o público que asistiu a ver a actuación do mago Romarís estaba o seu compañeiro o mago Vituco.

O peche da primeira edición do programa Cultura de Bar tivo lugar o sábado 30 de xuño coa música irlandesa de Paul Black, que estivo nos locais O Pilón e Manhattan, ambos situados preto do Cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Esta actuación tivo que ser suspendida o pasado día 15 de xuño pola choiva, xa que o reducido tamaño destes locais obrigou a que a actuación tivese que realizarse ao aire libre.

Este programa recolleu diferentes actividades culturais como contos de tradición oral, actuacións musicais e de maxia, humor, monólogos, etc. Dende a concellería de Promoción Económica do Concello de Ames estiman que un total de 800 persoas gozaron destas actuacións durante os catro fins de semana que durou a primeira edición do programa Cultura de Bar.


Balance positivo

As diferentes xerencias dos establecementos que participaron no novidoso programa Cultura de Bar mostraron a súa satisfacción por esta iniciativa e por como se desenvolveron as actividades nos seus respectivos locais ademais de pola nova clientela que se achegou ata os mesmos. Por outro lado, todos os locais manifestaron expresamente o seu desexo de que nun futuro próximo se desenvolvan actividades semellantes e que están dispostos a colaborar co Concello de Ames na organización de futuras edicións do programa Cultura de Bar.

A Concellaría de Promoción Económica contou co apoio económico da Deputación da Coruña para o desenvolvemento deste programa de dinamización da hostalería de Ames. Para pechar a primeira edición deste programa e como sinal de agradecemento a veciñanza amiense pola súa participación nos espectáculos programados, o concello sorteou 24 camisetas co logotipo de Cultura de Bar. Este sorteo realizouse nos locais que acolleron actuacións durante a fin de semana pasada.

Ademais, repartíronse varios exemplares dos libros que recollen os traballos gañadores do Certame Literario do Concello de Ames. Este libro está editado polo concello de Ames en colaboración coa Fundación Feiraco. Trátase dunha recompilación dos traballos gañadores (narrativa e poesía) nas últimas edicións deste certame literario, que todos os anos organiza o servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura. Estes libros repartíronse nos 16 establecementos inscritos neste programa.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Arredor de 800 persoas asistiron as actuacións do programa Cultura de Bar"
La Voz de Galicia: "Cerca de 800 personas asistieron al programa «Cultura de Bar» en Ames"