Pestanas principais

Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames

Domingo, 06 de outubro de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, dá conta das actividades que se van a impartir durante o último trimestre deste ano, e que se enmarcan dentro do primeiro plan municipal de benestar emocional e saúde mental. É un plan global para previr, promover e atender á saúde mental da veciñanza amesá, especialmente entre nenos/as, adolescentes e persoas maiores. Trátase do primeiro plan de promoción de benestar emocional do Concello, que busca dar unha resposta estruturada ás necesidades reais que se detecten entre a poboación do municipio. Para participar nas actividades/programas ofertados ou para solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 641 993 858.

Segundo diversos estudos, aproximadamente un 15% da poboación sofre ou sufrirá algún trastorno mental ao longo da súa vida. Por iso é necesaria unha estratexia global que proporcione un marco de acción común para previr, promover e atender ás necesidades de poboación sobre esta cuestión. O plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames recolle liñas de acción concretas, prestando especial atención a nenos/as, adolescentes e persoas maiores, co obxectivo de previr e atender as súas necesidades para mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames.

Durante o último trimestre de 2024 vanse impartir intervencións de promoción de benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, un programa grupal de benestar emocional para as persoas maiores, e un programa de cesamento de tabaco en grupo. Ao mesmo tempo vaise habilitar un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación para as problemáticas e demandas de saúde mental da poboación infanto-xuvenil e da terceira idade, a través do servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais).

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, destaca que Ames é “un concello pioneiro na creación desta ferramenta, que agardamos que mellore a vida dos veciños e veciñas de Ames”. Ademais, sinala que “esta iniciativa é unha proba de que dende o Goberno municipal apostamos pola saúde, tanto física como psicolóxica”.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “Ames é un concello de servizos e este programa é un claro exemplo diso. Os Concellos somos a administración máis próxima á xente e non podemos eludir un dos grandes problemas de saúde do noso tempo. A nosa veciñanza gozará dun programa de saúde mental pioneiro en Galicia. Centraremos a nosa acción nos grupos de poboación máis vulnerables”.

Intervencións coa mocidade e terceira idade
O plan de saúde mental inclúe diversas actuacións orientadas a diferentes colectivos. Por unha banda, realizaranse intervencións de promoción do benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, tanto no IES de Ames como no IES Milladoiro (nos cursos de segundo de bacharelato). Durante o primeiro trimestre deste curso 2024-2025 vanse impartir obradoiros, de catro horas, para o manexo do estrés e da ansiedade, e aprender a regular as emocións de forma saudable para o benestar emocional.

No relativo ás persoas maiores, crease un programa grupal de benestar emocional dentro do que se van realizar unha serie de encontros en formato taller. Nestes obradoiros as persoas maiores do concello van dispor dun espazo onde van traballar en prol da consecución dos seguintes obxectivos: reducir os niveis de soidade; mellorar a saúde emocional e psicolóxica; incrementar a súa participación social; potenciar o sentido da comunidade; ofrecer recursos e servizos de apoio; promover o envellecemento activo e saudable; e crear conciencia e sensibilización sobre a soidade neste colectivo. Estas actividades vanse a impartir os venres, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Espazo presencial de asesoramento técnico
Tamén se pon en marcha un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación, para responder ás demandas e problemáticas da poboación infanto-xuvenil e da terceira idade. Este espazo, chamado servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais), situarase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e traballará os luns en horario de 19:00 a 21:00 horas.

A atención será presencial, con periodicidade semanal, e nel un profesional avaliará a demanda, informará sobre os recursos existentes e realizará un seguimento daqueles casos que requiran dunha intervención en formato counseling de saúde mental e benestar emocional. Non se trata dunha consulta de atención psicolóxica, senón dun servizo de asesoramento e orientación.

Programa de cesamento de tabaco en grupo
Ao mesmo tempo, ponse en marcha un programa de cesamento de tabaco en grupo, para todas aquelas persoas que desexen deixar de fumar. Este programa propón unha abordaxe multidisciplinar do tabaquismo e será realizado por un psicólogo con formación específica en tabaquismo en colaboración con outros profesionais.

Dito programa ofrecerase os martes, en horario de 18.00 a 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Impartiranse 10 sesións: 7 presenciais (1 individual e 6 en grupo) e 3 sesións de seguimento por teléfono.

Para participar nas actividades/programas ofertados ou para solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 641 993 858.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames activa o primeiro plan de saúde mental e crea a Unidade de Necesidades Emocionais"

La Voz de Galicia: "Ames inicia el plan de bienestar de salud mental y emocional para personas mayores"

Imaxe da presentación do plan municipal de benestar emocional e saúde mental

Multimedia

  • Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames
  • Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames
  • Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames
  • Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames
  • Arrinca o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames