Pestanas principais

A artista Ceciro pintou na antiga escola de Firmistáns un mural dedicado ás leiteiras e ao traballo das mulleres amesás

Martes, 21 de xuño de 2022

A cuarta edición do festival de arte urbana con perspectiva de xénero, o Delas Fest, vén de rematar as súas actividades no concello de Ames, que serve como unha das sedes do certame, xunto a Brión, Santiago e Teo. Neste senso, a artista uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone, coñecida como Ceciro, creou un mural na antiga escola unitaria de Firmistáns, que titulou “A ruta das leiteiras”, e que serve de homenaxe a un dos labores tradicionais das mulleres amesás, que era o traslado de leite e auga a pé con caldeiras na cabeza. Ademais, no palco da festa de Bugallido realizouse un obradoiro de iniciación á pintura con spray, que dirixiu o equipo de 7H Cooperativa Cultural, a organizadora do proxecto Delas Fest.

O Delas Fest, unha das citas de referencia no circuíto galego de arte urbana, vén de celebrar a súa cuarta edición e de realizar unha serie de actividades no concello de Ames, un dos catro municipios da comarca de Santiago que comparten este festival, xunto con Brión, Santiago e Teo. O cartel de artistas desta edición volveu a estar integrado unicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo artístico con perspectiva feminista, apostando un ano máis pola visibilización e a dignificación do seu traballo fronte á discriminación e estereotipos de xénero aínda existentes no sector.

Deste xeito, Ames serviu como sede para unha parella de actividades, que se desenvolveron entre os días 9 e 14 de xuño, e que resultaron en dúas creacións artísticas colectivas no rural do concello. Nesta edición do Delas Fest, a antiga escola unitaria de Firmistáns foi o lugar escollido como lenzo para a obra da artista visual uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone (Paysandú, 1982), coñecida como Ceciro.

A artista, a través de varias conversacións coa veciñanza amesá, decidiu dedicar o mural ás leiteiras, mulleres que tradicionalmente trasladaban a pé auga e leite, soportando o peso e as longas distancias co peso dos líquidos en caldeiras sobre as súas cabezas. A obra, titulada “A ruta das leiteiras”, xa está rematada e pode verse nun dos laterais da antiga escola unitaria, situada na parroquia de Bugallido.

Ademais, Bugallido tamén acolleu un obradoiro de balde de iniciación á pintura con spray, que tivo lugar o pasado domingo 12 de xuño. Alí, a equipa de 7H Cooperativa Cultural, organizadora do festival Delas Fest, contou coa colaboración da veciñanza para elaborar un mural entre todas as persoas participantes, que pintaron unha muller maior co puño en alto, rodeada de landras, follas e bugallos.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade de Ames, Luisa Feijóo, destacou a importancia deste festival á hora de visibilizar ás mulleres na arte e na sociedade en xeral. “Esta cuarta edición demostra que este festival é unha cita, xa consolidada, coa arte urbana con perspectiva de xénero e contextual, que nos deixa ano tras ano un patrimonio de gran valor, tanto pola calidade das artistas como por todo o traballo previo que o sustenta, e que segue a poñer en valor o papel das mulleres tanto na nosa sociedade como na arte urbana”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Delas Fest aumenta el patrimonio de arte urbano en la comarca de Santiago con 7 obras de inspiración colectiva"

El Correo Gallego: "O Delas Fest lembrou en Firmistáns ás leiteiras"

AMSGO!: "As leiteiras de Ames, inmortalizadas na antiga unitaria de Firmistáns"

A artista Ceciro pintou na antiga escola de Firmistáns un mural dedicado ás leiteiras e ao traballo das mulleres amesás

Multimedia

  • A artista Ceciro pintou na antiga escola de Firmistáns un mural dedicado ás leiteiras e ao traballo das mulleres amesás