Pestanas principais

Asinado o convenio para a construción dun novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro

Mércores, 13 de xaneiro de 2021

O Concello de Ames e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade veñen de asinar o convenio de colaboración para a construción  dun novo centro de educación infantil e primaria (CEIP) no Milladoiro. A parcela onde se construirá o novo CEIP conta con 13.167 metros cadrados. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros.  Actualmente, a Consellería de Educación está a traballar na elaboración do proxecto técnico da ampliación do CEIP Agro do Muíño.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a construción dun novo CEIP na localidade do Milladoiro. Ao acto de sinatura tamén asistiron o concelleiro de Educación do Concello de Ames, David Santomil, e mailo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que “hoxe é un día importante para o Concello de Ames coa sinatura deste convenio. Cando en 2015 entramos no Goberno municipal presentamos unha serie de investimentos que eran necesarios. Demos cumprimento a moitos deles no eido educativo, e mesmo esta mesma semana, no eido sanitario coa apertura do novo centro de saúde do Milladoiro por parte da Xunta. E agora damos un paso máis de cara a construción dun novo colexio no Milladoiro, que se vai sumar á ampliación do CEIP do Agro do Muíño, en Bertamiráns. O obxectivo é que neste ano se redacte o proxecto e que as obras do novo CEIP poidan comezar en 2022, para antes de finalizar este mandato en 2023 dispor do novo CEIP e tamén da ampliación do colexio de Agro do Muíño”.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destaca que coa sinatura de dito convenio “resólvese unha cuestión na que, tanto o Concello de Ames como a Consellería de Educación, levábamos tempo traballando, primeiro na dispoñibilidade dos terreos e despois na dotación do investimento necesario para dotar dun novo colexio á localidade do Milladoiro. Xa temos moito camiño andado para que este proxecto sexa unha realidade. Estase demostrando que existe a colaboración institucional necesaria para poder entre ambas administracións desenvolver infraestruturas que entendemos que son fundamentais e de máxima necesidade pola saturación que existe no CEP de Ventín e na Escola de educación infantil do Milladoiro. Sen dúbida que coa construción deste novo centro ampliarase a oferta educativa do Milladoiro”.

Posta a disposición da Xunta da parcela para o CEIP
Previamente, a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, celebrado de xeito telemático o 16 de abril de 2020, a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela de 13.167 metros cadrados para o novo colexio do Milladoiro. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros.

Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no Rexistro da Propiedade, aprobouse en Pleno o convenio de colaboración coa Consellería de Educación, para ceder a parcela a Administración autonómica. Previa á licitación do proxecto técnico, o Concello deberá acreditar o desvío do tendido eléctrico e a condución subterránea de augas. A Consellería de Educación encargarase da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción. Agora, unha vez asinado o convenio, o Concello de Ames procederá a redactar o proxecto de desvío da liña eléctrica existente na parcela.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño
No caso do CEIP Agro do Muíño asinouse dixitalmente o convenio de posta a disposición dunha parcela de 4.345 metros cadrados para a ampliación deste centro escolar, que permitirá a dotación de seis novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Contémplase, igualmente, o desenvolvemento de espazos complementarios e de uso común que se definirán no proxecto. Actualmente estase a traballar na elaboración do proxecto técnico.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Firmados convenios para un nuevo colegio en Milladoiro y ampliar el de Agro do Muíño"

La Voz de Galicia: "Ames firma el convenio con Educación para el nuevo colegio de O Milladoiro"

Compostela 24 horas: "Milladoiro terá un novo centro de educación infantil e primaria"

Imaxe do alcalde de Ames e do conselleiro de Educación

Multimedia

  •  Ao acto de sinatura tamén asistiron o concelleiro de Educación do Concello de Ames, David Santomil, e mailo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila.