Pestanas principais

Asínase a cuarta prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames

Sábado, 04 de xaneiro de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones, e Nemesio López, en representación da empresa Urbaser SA, asinaron no pasado mes de decembro a cuarta prórroga do contrato da concesión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames, que vai dende o 15 de xaneiro de 2020 ata o 14 de xaneiro de 2021. Este acordo foi aprobado previamente no pleno ordinario celebrado o pasado 28 de novembro de 2019.

O Concello de Ames e a empresa Urbaser SA veñen de asinar a cuarta prórroga, e polo prazo dun ano, do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo, que vai dende o 15 de xaneiro de 2020 ata o 14 de xaneiro de 2021. Este tema foi aprobado previamente no pleno ordinario de novembro cos votos a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego. Os/as edís do grupo municipal popular votaron en contra e o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose.

Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames na sesión plenaria celebrada o 1 de xullo de 2006 aprobou a adxudicación á empresa Urbaser SA do concurso convocado para a xestión do servizo de limpeza viaria e do punto limpo. O contrato asinouse o 1 de agosto de 2006 e a devandita empresa comezou a prestar este servizo en xaneiro de 2007. No devandito contrato recollíase un prazo de vixencia de 10 anos prorrogables, de mutuo acordo, por un período de 10 anos.

Tendo en conta iso, dende a concellaría de Obras e Servizos Básicos presentaron unha proposta no pleno ordinario de marzo de 2016 para modificar o réxime de prórroga co obxectivo de que esta se realice de xeito anual, por mutuo acordo de ambas partes, ata un máximo de 10 anos, en lugar dos 10 anos seguidos previsto no contrato. Esta proposta saíu adiante por unanimidade de toda a Corporación municipal. Agora, vén de asinarse a cuarta prórroga dende ese momento.

Ademais, a modificación de dito contrato foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario de maio de 2016. Deste xeito, ampliouse o servizo no parque empresarial do Milladoiro, na urbanización Millalar e na prolongación da rúa Pardiñeiros. Tamén se ampliou o servizo en varias rúas de Bertamiráns e da urbanización do Agro do Muíño, así como na nova zona do Centro deportivo da Telleira, o Camiño Novo, o aparcamento da rúa Pesqueiras, a zona da escola infantil O Bosque ata o IES de Ames, a nova urbanización da Telleira e a urbanización do Pedregal. O custo desta ampliación ten un custo para as arcas municipais de 70.000 euros.

Licitación dun novo contrato do servizo e limpeza viaria
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que agardan que esta sexa a última prórroga de dito contrato. Ademais, destacou que “se está traballando na elaboración duns pregos para licitar este servizo e que, deste xeito, no novo contrato se amplíen as zonas municipais onde se realizan os traballos de limpeza, a posta en marcha dun Punto Limpo móbil, a mellora das instalacións do Punto Limpo do Milladoiro e maila inclusión de nova maquinaria eléctrica e máis ecolóxica”.

Ademais, apuntou que “nas próximas semanas se fará unha xuntanza, para crear unha comisión de traballo, co obxectivo de aprobar uns pregos acordados entre todos os grupos políticos municipais, para a partir de ai comezar co proceso de licitación de dito servizo”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cuarta prórroga amesá no contrato de limpeza viaria"

La Voz de Galicia: "Ames prorroga el contrato de la limpieza en pleno debate sobre su futuro en la planta de Servia"

Compostela 24 horas: "Asínase a cuarta prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames"

Asínase a cuarta prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames

Multimedia

  • Imaxe da sinatura da cuarta prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames
  • Asínase a cuarta prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames