Pestanas principais

Asínase un acordo no Consello Galego de Relacións laborais entre o Goberno e a Policía Local de Ames

Martes, 22 de xaneiro de 2019

[22-01-2019] O pasado 8 de xaneiro o Goberno municipal e maila Policía Local asinaron un Preacordo na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, ao abeiro do procedemento establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución e conflitos de traballo (AGA), promovido no Concello de Ames. Posteriormente, o pasado xoves, 17 de xaneiro, asinouse un segundo documento para introducir diversas modificacións no texto do Preacordo acadado o 8 de xaneiro. Dito acordo recolle diferentes pasos a seguir sobre a adecuación retributiva dos postos da Policía Local de Ames.

O Goberno convocou o pasado 14 de xaneiro unha reunión co Comité de Empresa e a Xunta de Persoal para dar a coñecer o estado actual das negociacións que se estaban levando a cabo. Asemade, ese mesmo día convocouse Xunta de voceiros para tratar o tema da Policía Local, a proposta dun escrito do grupo municipal de Ames Novo. En dita reunión estiveron presentes os voceiros do grupo socialista, de Ames Novo, do BNG, a voceira de Contigo Pódese e un concelleiro en representación do PP e coas ausencias do voceiro de Pacto por Ames e do voceiro de Ciudadanos, que desde hai meses non conta con representación municipal na Corporación. A xunta de voceiros nesta xuntanza acadou o acordo dos presentes de iniciar o expediente plenario para a modificación da RPT en referencia ao Complemento de destino da Policía Local, segundo foi acordado na Mesa Xeral de Negociación de cara a solicitar os pertinentes informes das técnicas e tal como fora preacordado na mediación entre Goberno e os representantes da Policía.

O acordo asinado entre Goberno e representantes dos axentes da Policía, representantes sindicais da Xunta de Persoal e asesores sindicais, recolle diferentes medidas sobre a adecuación retributiva dos postos da Policía Local de Ames. Deste xeito, o Goberno comprométese a solicitar os informes de Intervención e Secretaría para levar ao pleno ordinario deste mes de xaneiro o expediente de modificación puntual da RPT, para a adecuación do complemento de destino da Policía Local, segundo foi acordado na Mesa Xeral de Negociación. Este punto xa foi cumprido na semana pasada mediante providencia de Alcaldía e logo da Xunta de voceiros. No caso de que ditos informes vaian na mesma liña do xa redactado no pasado mes de xullo de 2018 e segan sendo desfavorables á modificación do Complemento de destino, solicitaráselle un informe oficial á Asesoría xurídica da Deputación da Coruña para que se pronuncie ao respecto.

De ser favorable o informe da Deputación, o goberno comprométese a levar ao Pleno a modificación puntual da RPT para a adecuación do complemento de destino da Policía Local, segundo foi acordado na Mesa Xeral de Negociación, para o seu debate e se procede a súa aprobación. No caso de que non saía favorable solicitarase que a proposta quede sobre a Mesa, intentado por parte do Goberno que dita proposta sexa aprobada no seguinte Pleno. O Goberno ten previsto convocar á Xunta de voceiros con carácter previo á convocatoria da orde do día dese pleno co obxectivo de coñecer a postura dos grupos da oposición.

Complemento específico
En canto ao complemento específico, desde o Goberno insistiuse na necesidade de ligar calquera tipo de acordo á Comisión de RPT creada, e posteriormente, á Mesa Xeral de negociación. Así, as partes acordaron debater na Comisión especial da RPT a proposta presentada pola Policía Local, conforme ao informe de CCOO, para a modificación puntual da RPT, no referido ao complemento específico destes postos, segundo o Manual de avaliación de postos vixente. O Goberno municipal vincula o inicio da negociación e tramitación desta modificación do Complemento específico dos postos da Policía Local ao que se decida e aprobe ao respecto na Comisión da RPT para posteriormente ser tratado na Mesa Xeral de negociación, comprometéndose ambas partes a respectar os acordos adoptados de xeito maioritario pola representación sindical.

O goberno municipal comprométese tamén a solicitar os pertinentes informes técnicos antes do tratamento e aprobación/ratificación desta Mesa Xeral de Negociación de cara a ter toda a información previa ao tratamento do asunto. No suposto de que os informes sexan desfavorables, o Goberno xuntarase de urxencia coa Policía Local para buscar unha posible solución.

Coa sinatura deste Acordo no procedemento da AGA a Policía Local comprometeuse a cesar temporalmente nas súas reivindicacións ata o mes de abril do presente ano. O conflito finalizará en canto se acaden os obxectivos plantexados e compromisos adquiridos no Acordo por ambas as dúas partes. Ante calquera discrepancia, incumprimento ou irregularidade que poida xurdir na aplicación do acordado, ambas partes comprométense a someterse a unha nova mediación ao abeiro da AGA no Consello Galego de Relacións Laborais.

O proceso de negociación no Consello de Relacións laborais iniciouse o pasado 26 de novembro de 2018 e mantivéronse cinco reunións ao longo destes case dous meses. Previamente ambas partes mantiveran ata dez xuntanzas para tratar estes asuntos, chegando a estar presentes a Secretaría e Intervención do Concello en unha delas co obxectivo de explicar con máis detalle o contido do seu informe, feito que se repetiu na xuntanza do pasado 11 de decembro no proceso de mediación do Consello de Relacións laborais.

O Goberno valora positivamente o diálogo de ambas partes e que a Asemblea da Policía Local dera o seu visto bo a este último documento, así como que a Comisión especial da RPT e a Mesa Xeral de Negociación sexan os órganos onde se debata e acorde todo o referido á modificación puntual do Complemento específico como noutras modificacións puntuais da RPT levadas a cabo ao longo destes últimos anos.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Concello y Policía Local de Ames llegan a un acuerdo provisional hasta abril"
El Correo Gallego: "Dependerá de la oposición el acuerdo con la Policía de Ames"
Lindeiros: "O Goberno municipal de Ames e a Policía local asinan un acordo"
Compostela 24 horas: "A Policía Local de Ames e o Goberno chegan a un acordo"