Pestanas principais

A Asociación Cultural Antonio Santomil celebra cun programa de actividades o 50 aniversario da Coral Polifónica de Bugallido

Mércores, 30 de novembro de 2022

A Asociación Cultural Antonio Santomil vén organizando dende o mes de novembro unha serie de actividades con motivo da conmemoración do 50 aniversario da Coral Polifónica de Bugallido. O programa, que deu comezo o día 12, terá o seu colofón este sábado, 3 de decembro, cun concerto que contará coas actuacións da Coral Polifónica de Melide, da agrupación Pandereteiras da Costaneira e da propia Coral Polifónica de Bugallido. Será ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Premendo na seguinte ligazón pódese visualizar o documental ao completo.

A coral foi creada no ano ano 1972 na parroquia de Bugallido, en Ames, polo daquela párroco Don Antonio Santomil. Baixo a batuta de Santomil, a agrupación ofreceu numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Non obstante, trala morte prematura do seu director, a coral quedou inactiva. No ano 1991, grazas á labor de distintas persoas que formaran parte dela con anterioridade, volveuse a poñer en marcha baixo o amparo da Asociación Cultural Antonio Santomil. Na actualidade, a Coral, dirixida por Xosé Ramón Santomil e formada por 31 persoas, participa en certames e festivais ao longo da xeografía galega.

Con motivo da celebración do 50 aniversario da Coral, a asociación presentou un programa de tres días de actuacións e concertos nos que están a participar diversos coros de toda Galicia. O programa deu comezo o sábado 12 de novembro, cun evento que reuniu na Casa da Cultura de Bertamiráns á Coral A Lembranza, de Sada, á agrupación amesá Airiños do Paseo de Colón e á Coral Polifónica de Bugallido.

Para continuar coa conmemoración, o pasado día 26, a Coral volveu ofrecer unha actuación na misa en honra a Santa Icía celebrada na Igrexa Parroquial de San Pedro de Bugallido. Ademais, no centro cultural da parroquia inaugurouse unha galería fotográfica in memoriam como homenaxe a Antonio Santomil, e proxectouse o documental fotográfico do 50 aniversario, que narra a historia do coro dende a súa creación ata a actualidade.

Como colofón do programa, este sábado, día 3 de decembro, celebrarase un concerto final, no que participarán tanto a Coral Polifónica de Melide como a agrupación Pandereteiras da Costaneira, ademais da propia Polifónica de Bugallido, que se encargará de poñer o broche final. Será ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e a entrada é de balde.

Documental do 50 aniversario
O documental proxectado o pasado sábado foi tamén creado con motivo do aniversario da fundación da agrupación, e fai un recorrido polos cincuenta anos de existencia da Coral, dende os seus primeiros pasos, nunha época convulsa de transición entre ditadura e democracia, ata o día de hoxe.

Xosé Ramón Santomil, explicou que “uns meses antes de chegar Antonio Santomil á parroquia, xa había un pequeno xermolo entre media ducia de rapaces que se xuntaban para cantar nas celebracións. Unha vez chegado el, quixo transformar ese pequeno grupo, amplialo e conformar unha agrupación para cantar fóra da parroquia, como así se fixo”.

Ademais, o director fixo fincapé na gran labor cultural e tamén lingüística e de promoción do galego que exerceu o coro a finais dos anos 70. “A Coral levaba a nosa lingua a espazos onde non era habitual escoitala”, sinalou.

O documental narra tamén os anos máis recentes da agrupación, pasando pola gravación dun disco no ano 2004 xunto con outras oito corais ata as súas actuación máis recentes, que inclúen un amplo repertorio de música popular galega, habaneras, música sacra e renacentista.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Conciertos, muestra y documental por el medio siglo de la Coral Antonio Santomil"

O programa de actividades finalizará este sábado co concerto do 50 aniversario

Multimedia

  • A Asociación Cultural Antonio Santomil celebra cun programa de actividades o 50 aniversario da Coral Polifónica de Bugallido
  • A Asociación Cultural Antonio Santomil celebra cun programa de actividades o 50 aniversario da Coral Polifónica de Bugallido
  • Embedded thumbnail for