- Tematica
A celebración terá lugar este domingo 29 de agosto na capela de san Xoanciño de Pousada. A capela vai estar adornada coas alfombras realizadas polos membros da Asociación Cultural de san Xoanciño Alfombristas de Ames. A conmemoración dará comezo ás 13:00 horas cun acto institucional, seguidamente terá lugar a misa solemne para finalizar coa actuación das Maianas e do grupo tradicional Airiños do Paseo de Colón.
Os membros da Asociación Cultural de san Xoanciño Alfombristas de Ames levan máis de 15 días traballando na preparación do X aniversario da asociación. Unha conmemoración que terá como acto principal a realización dunha alfombra floral na contorna da capela e do cruceiro de san Xoanciño de Pousada.
Os alfombristas van sorprender aos asistentes cunha alfombra con motivos florais e outra coa imaxe da Virxe. A estas, haberá que sumar as alfombras realizadas pola Asociación de Alfombristas de Andahio, en Miño, e a dos alfombristas de Bueu e Cangas que como membros da Federación de Alfombristas quixeron colaborar coa celebración do X aniversario da Asociación Cultural de san Xoanciño Alfombristas de Ames.
Unhas 25 persoas van traballar ao longo do día e da noite do sábado para que todo estea perfecto. Aos membros da Asociación de san Xoanciño únense veciños de Ortoño, A Ameixenda, Oca, Urdilde ou Os Ánxeles.
O traballo previo destaca pola elaboración dos esbozos das alfombras, pola recollida dos materiais e a súa preparación. Entre os materiais empregados atopamos tullas, hortensias, caraveis, rosas, labras tinguidas, café e casca de piñeiro.
A celebración do aniversario dará comezo ás 13:00 co acto institucional ao que vai asistir o alcalde de Ames, Blas García, e varios membros do goberno municipal. A continuación terá lugar a misa solemne na honra da Virxe de Lourdes. A misa vai estar amenizada polo Coro de Ames de Piñeiro. Como gran colofón, a conmemoración vai rematar coa actuación do grupo de pandereteiras de Ames “As Maianas” e do grupo de música tradicional da parroquia de Bugallido “Airiños do paseo de Colón”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Diez años de arte floral en Ames"
La Voz de Galicia: "San Xoanciño Alfombristas celebra su décimo aniversario hoy"
El Correo Gallego: "Color para San Xoanciño con treinta alfombristas"