- Tematica
A Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu certame fotográfico, co que colabora a Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. A temática do concurso xirará en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. Haberá unha categoría absoluta e outra xuvenil, e permitirase o envío dunha imaxe por participante, coa que se deben enviar o título da obra e os datos persoais do autor. A data límite para participar é o día 22 de novembro, e os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o día 22 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón.
O presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos, e o vogal da mesma, Francisco Villar, acompañados polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e Alberto Uzal, de Fílmate Estudos Fotográficos e Audiovisuais, presentaron esta mañá a VIII edición do Certame de Fotografía Comercial. A través do concurso búscase compartir imaxes de calidade do parque empresarial do Novo Milladoiro para poñer en valor o peso empresarial e comercial da zona.
As fotografías deberán crear unha estética das construcións eminentemente funcionais do parque empresarial, e permítese que sexan realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, en cor ou en branco e negro, pero primando un enfoque comercial. As obras presentadas poden retratar tanto ás instalacións como o equipo humano, os produtos, os eventos ou calquera outra actividade que as empresas realicen.
Os participantes dividiranse en dúas categorías: xuvenil, na que poden participar os menores de 18 anos, e absoluta, reservada para os adultos maiores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse 3 premios: o primeiro está dotado con 500 euros, o segundo con 400 e o terceiro con 300. Pola súa banda, na categoría infanto-xuvenil entregaranse vales para gastar en material de papelaría. O primeiro clasificado gañará un bono por valor de 75 euros, mentres que o segundo e o terceiro recibirán vales por importe de 50 e 40 euros, respectivamente.
Dende a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro destacan o éxito que tivo a iniciativa durante as pasadas edicións e o aumento gradual da calidade das imaxes participantes dende os inicios do proxecto. O seu presidente, Javier Santos, declarou que o certame “está xa completamente consolidado, polo que aspiramos a que as fotografías, sen profesionalizarse, vaian mellorando un pouco cada ano”, e recalcou a gran difusión social e mediática que logran acadar os negocios localizados no parque empresarial. “Intentamos ter cada vez máis repercusión a nivel social, partindo da premisa inicial coa que naceu o concurso”, remarcou.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García agradeceu a labor da asociación e reiterou que “o Concello ten que apoiar ás asociacións empresariais e comerciais. Levan oito anos organizando este concurso e a nosa obriga é estar ao lado deles para apoialos. Esta asociación é un referente dentro do noso concello polo traballo que realizan para a creación de novas empresas e creación de emprego. Agardamos que de cara a vindeira edición xa haxa máis espazos dentro do parque empresarial para facer fotos porque iso significará que o parque medrou”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, resaltou “a importancia do concurso para dinamizar as nosas rúas e negocios”. Ademais destacou que “este certame serve tamén para que as persoas que participan coñezan máis a fondo as empresas que están no parque empresarial e así poder facer uso dos seus servizos”.
O prazo abre este sábado 22 de outubro
O prazo para mandar as fotografías dará comezo este sábado 22 de outubro, e estenderase ata o día 22 de novembro. As bases do certame limitan as obras dos participantes a unha imaxe por persoa, que deberá ser enviada ao enderezo de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. É imprescindible que vaia acompañada dun título e dos datos do autor/a: nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto (preferiblemente móbil).
As fotografías deben ser inéditas e tratar sobre a actividade económica do Parque Empresarial do Milladoiro, sen saír dese término xeográfico, conseguindo captar os elementos máis dinámicos, representativos e identificables das empresas. Permítese facer un retoque global das fotografías, aínda que non se poden engadir nin eliminar elementos que modifiquen a súa composición orixinal, e os arquivos deberán ser enviados en formato JPEG ou JPG.
Unha vez rematado o prazo para participar, as imaxes serán valoradas por un xurado composto por Javier Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, Natividade González, concelleira de Cultura e de Tecnoloxías da Comunicación; así como por dous profesionais do ámbito da fotografía: Alberto Uzal, de Fílmate Estudos Fotográficos e Xoán A. Soler, fotoxornalista do xornal La Voz de Galicia. Os aspectos a valorar son a expresión artística e a calidade fotográfica: encadre, enfoque, luminosidade, creatividade, etc.
O fallo farase público o xoves 22 de decembro ás 20.30 horas, nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro e que será aberta ao público. Posteriormente todas as obras serán expostas na propia Casa da Cultura e na sede da AEMP, así como difundidas a través de Instagram e Facebook.
As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Convocan el Certame de Fotografía Comercial"
El Correo Gallego: "Novo Milladoiro anima a concurrir a su concurso fotográfico sobre el polígono"
AMSGO!: "Presentado o Certame Fotográfico promovido polos empresarios do Polígono do Novo Milladoiro"