Pestanas principais

A Asociación Teta e Coliño convoca o I Concurso Fotográfico de Lactación Materna

Sábado, 06 de agosto de 2011

[06-08-2011] Con motivo da celebración da Semana Mundial da Lactación Materna, do 1 ao 8 de outubro de 2011, a Asociación Teta e Coliño convoca o I Concurso Fotográfico de Lactación Materna. Un dos obxectivos desta asociación amiense é a normalización da lactación materna en todos os ámbitos da vida, tanto na casa como na rúa, na praia, na piscina, na gardaría, no parque ou no supermercado. E por este motivo se puxo en marcha este concurso, fotografando eses fermosos momentos.

A raíz da Semana Mundial da Lactación Materna, que se producirá do 1 ao 8 de outubro de 2011, a Asociación Teta e Coliño convoca o I Concurso Fotográfico de Lactación Materna para todas aquelas persoas interesadas en participar nel. Este grupo de lactación do Concello de Ames presentouse oficialmente en abril do presente ano, co obxectivo de informar e asesorar as mulleres que queren dar peito, axudar nas posibles dificultades que xurdan no tempo da lactación e crear un espazo de intercambio e aprendizaxe continúa entre as familias de lactantes.

Bases do concurso

Para participar no concurso, as fotografías versarán sobre a lactaciónmaterna e serán inéditas e orixinais.Non podendo participar os membros do xurado, nin os patrocinadores nin os familiares destes. O tamaño será de 20x25 en cor, branco e negro ou en sepia, impresas sempre en papel fotográfico. Deberá enviarse tamén unha copia en formato jpg, con boa calidade e preferiblemente en Cdrom. Cada participante só poderá concursar cun máximo de 2 fotografías e terá que ter máis de 18 anos. O primeiro premio consistirá nun lenzo de 60x80 impreso coa fotografía gañadora e unha sesión Spa- circuíto de auga para dúas persoas.O segundo premio será un tratamento de beleza/benestar para unha persoa e o terceiro un lote de produtos ecolóxicos de alimentación infantil.

As fotografías poderán entregarse en man ou enviarse por correo a: Concurso de Fotografía "Teta e Coliño", rúa da Estivada de Castelao, 1, 3ºA. O Milladoiro - Ames (A Coruña). O prazo manterase aberto ata o 15 de setembro. Os premios ás fotografías gañadoras serán entregados durante a Semana Mundial da Lactación Materna (o 1 de outubro de 2011) no Salón de Actos do Centro Sociocultural do Milladoiro e un conxunto de fotografías seleccionadas formarán parte dunha exposición que terá lugar no citado centro. Para recibir máis información pódese contactar coa asociación por correo electrónico tetaecolo@hotmail.com, a través do teléfono 651 082 881 ou picando enriba do documento adxunto que se inclúe nesta nova.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Concurso de fotos desde Ames sobre normalización de lactancia materna"