Pestanas principais

A asociación Xunta de Empresarios de Ames estrea local no Pedregal

Mércores, 23 de febreiro de 2022

Este martes, 22 de febreiro, a asociación Xunta de Empresarios de Ames inaugurou o novo local co que conta esta entidade na rúa do Pedregal, en Bertamiráns. A dito acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, así como concelleiros e concelleiras dos grupos municipais da oposición. Estas instalacións, que teñen arredor de 60 metros cadrados, servirán para atender aos 109 socios/as que ten esta asociación, para facer cursos de formación e para cederllo aos/ás socios/as cando o precisen.

A entidade Xuntanza de Empresarios de Ames vén de inaugurar o seu local na rúa do Pedregal. Ao acto de estrea das novas instalacións, que se realizou este martes 22 de febreiro, asistiron o presidente de dita asociación, Jorge López, xunto a outros/as membros da directiva de XEA. Ademais, acudiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o concelleiro de Educación e Axenda urbana, David Santomil, a voceira do grupo municipal popular de Ames, Oliva Agra, o concelleiro do PP de Ames, Pablo Beiroa, e mailo concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo.  

Esta asociación conta na actualidade con 109 socios e socias de Bertamiráns e do Milladoiro. Ante a falta dunhas instalacións propias decidiron abrir un local que sirva de sede. A idea é que estas instalacións sirvan para atender aos/ás socios/as, así como para organizar e impartir cursos de formación e tamén para que poidan ser empregadas polos propios socios e socias cando as precisen. Ademais, servira para gardar e almacenar diverso material do que dispón a asociación.

O presidente de XEA, Jorge López, explica que “está previsto establecer uns días específicos nos que se ofreza atención aos socios e socias e tamén organizar cursos formativos nestas novas instalacións. Era necesario dispoñer dunha sede para centralizar a actividade da asociación e tamén para gardar o material do que dispoñemos. É un paso adiante máis dende que comezou a desenvolverse o proxecto desta asociación empresarial”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que XEA “é unha asociación que está medrando e que conta con socios e socias tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro, iso favorece a dinamización comercial e tamén o tránsito de clientes entres os dous principais núcleos urbanos do municipio. A apertura deste sede de XEA é unha boa nova porque significa que cada vez teñen máis socios. Animámolos a seguir traballando como ata o de agora e a seguir colaborando co Concello de Ames”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La Xunta de Empresarios de Ames estrenó su nuevo local en Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Os empresarios estrean nova sede no Pedregal"

A asociación Xunta de Empresarios de Ames estrea local no Pedregal

Multimedia

  • A asociación Xunta de Empresarios de Ames estrea local no Pedregal
  • A asociación Xunta de Empresarios de Ames estrea local no Pedregal