Pestanas principais

As asociacións culturais e clubs deportivos de Ames poderán contar con asesoramento xurídico gratuíto grazas a un convenio asinado polo Concello

Xoves, 03 de outubro de 2013

[03-10-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá un convenio de colaboración con dúas avogadas exercentes en Ames do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago para ofrecer asesoramento xurídico gratuíto ás asociacións culturais e clubs deportivos que así o precisen. O convenio, que non ten custe económico para o Concello, terá unha duración inicial dun ano. O obxectivo é ofrecer apoio aos clubs e asociacións en todas aquelas cuestións relacionadas co ámbito xurídico, para facilitarlles o seu traballo diario e a presentación de solicitudes de axudas. Este acordo nace como resposta ás dúbidas e inquedanzas transmitidas por moitas entidades respecto de trámites e cuestións xurídicas. Á sinatura tamén asistiu a concelleira de Cultura e Deportes, María Eugenia Martín.

O acordo asinado esta mañá reflicte que se considera de interese público municipal a posta en marcha de liñas de acción conxunta para prestar asesoramento de tipo xurídico a todos aqueles clubs e entidades, inscritos no rexistro municipal de asociacións do Concello de Ames, que estean interesados en recibir dito asesoramento.

O rexedor de Ames explica que neste convenio “está incluída toda actividade de asesoramento legal relacionada coa asociación ou club do que se trate, así como dos seus membros no que se refire á súa condición de asociados”. Entre outras cuestións, Santiago Amor destaca que “este asesoramento inclúe un amplo abanico de posibilidades e, por exemplo, poderá referirse tanto á correcta presentación de documentación nas convocatorias públicas de achegas como ao cumprimento das obrigas fiscais por parte das entidades”.

Pola súa banda, as dúas avogadas exercentes do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, Natalia Quinteiro Nogueira e Mª del Pilar Estévez Rodríguez, comprométense a prestar ese asesoramento e a presentar ante o Concello unha memoria trimestral das actividades realizadas, que serán analizadas pola comisión de seguimento que se creará ao efecto. O asesoramento xurídico gratuíto terá lugar todos os mércores, en horario de 16:30 a 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Ademais, en virtude deste convenio o Concello comprométese a poñer a disposición das asesoras un listado cos datos das asociacións e clubs deportivos inscritos no rexistro municipal que reúne a estas entidades.

Aberto o prazo das axudas deportivas
O convenio asinado esta mañá ten vixencia desde hoxe mesmo e por exemplo, os clubs e asociacións deportivas poderán recibir xa asesoramento xurídico sobre todo o relativo á presentación de solicitudes á convocatoria de axudas para a promoción de actividade levadas a cabo no exercicio 2013, cuxo prazo de solicitude aínda está aberto.

O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria de axudas é dun mes a partir do 23 de setembro de 2013, día no que saíron publicadas estas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.