Pestanas principais

Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo

Mércores, 02 de marzo de 2022

O parque do Ameneiral acolleu esta mañá a presentación da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que volve despois dunha primeira edición en 2020 cunha gran acollida. O percorrido busca mostrar dun xeito lúdico e familiar as trabas as que as mulleres se enfrontan a diario. A cita, organizada pola Concellaría de Igualdade, terá lugar o sábado 12 de marzo, ás 11:30 horas, no propio Ameneiral, en Bertamiráns. As inscricións, de balde, poderán realizarse ata o venres 11 ás 14:00 horas, acudindo presencialmente ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello, ou ben en liña premendo nesta ligazón. A actividade forma parte dos actos do 8M en Ames. O programa de actos do 8M ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A carreira “Moitos camiños, mesma meta” será unha cita non competitiva e lúdica, onde as persoas participantes percorrerán uns 1.500 metros e se enfrontarán a 12 obstáculos, cada un deles cunha mensaxe que reflicte os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día. O obxectivo, “invitar á reflexión e á conversa en familia”, apuntou a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo, durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

Ademais da propia concelleira, ao acto acudiron Víctor Valderrama, da empresa organizadora NOKO; Pilar Candocia, da Plataforma Feminista de Ames, e María Pérez, representante do deporte amesá e xogadora do FC Meigas. Á presentación asistiron ademais varias concelleiras do Goberno local, Beatriz Martínez, Susana Señorís, Natividade González e Ana Belén Paz; a voceira do PP de Ames, Oliva Agra; persoal municipal do CIM e de Promoción de Saúde, Rosana Martínez, Mónica Antelo, Maite Arufe e Soraya Añón, e a deseñadora da campaña do 8M de Ames, Mónica Fernández.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, recordou a boa acollida da anterior edición, celebrada en 2020 no Milladoiro. “Daba gusto ver ás cativas e cativos cando lían os carteis, facendo preguntas aos seus pais e nais, e como elas lles ían explicando. Estes temas por desgraza non se tratan en todas as casas, e isto é o que buscamos con estas actividades”.

A proba contará con 12 obstáculos accesibles, que pode completar soa ou con axuda calquera persoa. “Repetiremos obstáculos e haberá novas sorpresas”, sinalou Víctor Valderrama, da empresa organizadora NOKO, que adiantou que haberá que “reptar, escalar, utilizar o equilibrio, a coordinación e facer uso da nosa resistencia. Trátase de pasar un bo rato nun entorno privilexiado”.

No evento estará tamén a Plataforma Feminista de Ames, que colocará un tendal no parque para que ao rematar a proba as participantes cubran “unha ficha cos obstáculos que teñen ou tiveron que superar”. Así o explicou Pilar Candocia, que gabou a colaboración entre institucións e movementos sociais. “Dende a Plataforma participamos sempre en todas as actividades que organiza o Concello. A unidade multiplica”.

En representación do deporte amesá falou María Pérez, xogadora do FC Meigas, que lembrou as barreiras para as nenas e as mulleres aínda presentes no mundo do deporte. “No ámbito familiar temos que convencer de que podemos vivir do deporte e de que somos necesarias. Hai que seguir pelexando, xa dende nenas, convencendo de que valemos de que queremos facer deporte”.

Horarios e inscricións

A carreira celebrarase o vindeiro sábado 12 de marzo, ás 11:30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. A recollida de dorsais comezará a partir das 10:45 horas, un momento no que se aproveitará para entregar uns agasallos ás persoas participantes. Trátase dun evento non competitivo, familiar e lúdico, no que pode participar calquera persoa a partir dos 5 anos.

A inscrición, de balde, pode realizarse en liña, premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, achegándose ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) ou en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). O prazo para sumarse á proba remata o venres 11 ás 14:00 horas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Una prueba de obstáculos visibilizará las trabas a la igualdad de las mujeres"

Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo
Descargas: 

Multimedia

  • Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo
  • Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo
  • Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo
  • Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo
  • Atrancos para reflexionar sobre a igualdade na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, este 12 de marzo