Pestanas principais

A Aula AMTIC ofrece cursos de alfabetización dixital nas parroquias

Luns, 30 de setembro de 2024

Dentro da súa programación para o último trimestre do ano, a Aula AMTIC ofrece cursos de informática para o desenvolvemento e capacitación dixital no medio rural. Levaranse a cabo durante desde outubro ata febreiro de 2025 nas parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas. A formación é de balde, e inclúe 25 horas de clases prácticas, que se desenvolverán en clases de dúas horas, un día á semana. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 674 594 843, en horario de atención de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas. Aínda hai prazas dispoñibles.

Un ano máis, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación pon en marcha unha serie de cursos de alfabetización informática para o rural, que se desenvolverán durante o último trimestre do ano. As formacións buscan achegar á veciñanza das parroquias ao desenvolvemento dixital.

O temario destes cursos abarca a navegación por internet (busca en liña e navegación segura), o uso do correo electrónico (creación de contas e envío de correos) a introdución a Windows, a utilización de Office en liña, o uso de imaxes, a impresión de documentos, a introdución á folla de cálculo (formato de celas e gráficos básicos) e o uso do teléfono intelixente (configuración e axustes iniciais, chamadas e mensaxes de texto, aplicacións de mensaxería, uso da cámara, agregar e eliminar contactos...).

As actividades van celebrarse nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. Os luns, o curso terá lugar en Agrón (de 16:15 a 18:15 horas) e en Trasmonte (de 19:00 a 21:00 horas). Os martes, será a quenda de Covas (tamén en horario de 16:15 a 18:15 horas) e de Biduído (de 19:00 a 21:00 horas). En Augapesada e Biduído a formación desenvolverase os mércores (de 16:00 a 18:00 e de 18:30 a 20:00 horas), respectivamente. O xoves as clases serán en Tapia (de 16:15 a 18:15 horas) e na Ameixenda (de 19:00 a 21:00 horas). Para rematar, os venres desenvolverase no centro social de Ortoño (de 17:00 a 19:00 horas).

Inscricións e información
Os/as interesados/as en anotarse poden facelo chamando ao teléfono 674 594 843. Requírese que os/as participantes conten con coñecementos básicos de informática.

Os cursos, que son gratuítos, darán comezo a semana do 21 de outubro, e terán unha duración de 25 horas en total. Hai prazas limitadas, e a cota máxima por cada grupo será de 12 alumnos/as.

Programación da Aula AMTIC
Paralelamente, a Aula AMTIC impartirá durante os meses de outubro, novembro e decembro catro cursos máis de xeito presencial nas instalacións da aula na Casa da Cultura do Milladoiro.

Do 9 de outubro ao 21 de novembro impartirase un curso de iniciación á informática para adultos que está dirixido a persoas maiores de 18 anos. Impartirase os mércores e xoves de 10:00 a 12:00. Tamén en outubro se ofrecen dous cursos para menores de 18 anos: un curso de informática para nenos/as (do 10 de outubro ao 12 de decembro), destinado a rapaces e rapazas de entre 7 e 10 anos; e un de mecanografía para menores de 10 anos (do 11 de outubro ao 13 de decembro). Estes cursos realizaranse en quenda de tarde, os xoves e venres de 17:15 a 18:45 horas.

No mes de novembro haberá un novo cursos para adultos. Do 27 de novembro ao 5 de decembro impartirase o obradoiro de administración electrónica. Será os mércores e xoves de 10:00 a 12:00 horas. Ofértanse 12 prazas.

Para o mes de decembro hai programado un último curso sobre compras seguras en internet para maiores de 18 anos, que se vai impartir do 11 ao 18 de decembro, de 10:00 a 12:00 horas.

Por outra banda, co inicio do novo curso, a AMTEGA vén de convocar novas prazas para a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX). Deste xeito, abríronse as convocatorias de dúas edicións do nivel de iniciación:

  • Outubro: inscricións abertas ata o 18 de setembro.
  • Novembro: inscricións abertas ata o 18 de outubro.

O temario completo do exame está xa dispoñible para todo o mundo na plataforma de teleformación. Pódese acceder co usuario da rede CeMIT na sección de Cursos / Competencias Dixitais.

Para complementalo e facer máis accesible a formación, a Aula AMTIC vai realizar un curso presencial previo a cada convocatoria: un do 9 ao 16 de outubro, e outro do 6 ao 13 de novembro. Ambos cursos serán os mércores, de 17:15 a 18:45 horas.

As inscricións para estes cursos poden realizarse na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, sitiada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: de luns a venres de 10:00 a 12:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas (agás nas horas de formacións), enviando a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com, ou chamando ao teléfono 674 594 843, en horario de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas.

A Aula AMTIC ofrece cursos de alfabetización dixital nas parroquias

Multimedia

  • A Aula AMTIC ofrece cursos de alfabetización dixital nas parroquias
  • Cartel coa programación da Aula AMTIC