- Tematica
Dentro da súa programación para o primeiro trimestre de 2025, a Aula AMTIC ofrece cursos de informática para o desenvolvemento e capacitación dixital no medio rural. Levaranse a cabo a partir do 13 de xaneiro en Agrón, Trasmonte, Biduído, Bugallido e na Ameixenda. A formación é de balde, e inclúe 25 horas de clases prácticas, que se desenvolverán en clases de dúas a tres horas, un día á semana. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 674 594 843, en horario de atención de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas. Aínda hai prazas dispoñibles.
Un ano máis, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación pon en marcha unha serie de cursos de alfabetización informática para o rural, que se desenvolverán durante o primeiro cuadrimestre de 2025. As formacións buscan achegar á veciñanza das parroquias ao desenvolvemento dixital.
O temario destes cursos abarca a navegación por internet (busca en liña e navegación segura), o uso do correo electrónico (creación de contas e envío de correos) a introdución a Windows, a utilización de Office en liña, o uso de imaxes, a impresión de documentos, a introdución á folla de cálculo (formato de celas e gráficos básicos) e o uso do teléfono intelixente (configuración e axustes iniciais, chamadas e mensaxes de texto, aplicacións de mensaxería, uso da cámara, agregar e eliminar contactos...).
As actividades vanse celebrar nos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Biduído, Bugallido e da Ameixenda. Os luns, o curso terá lugar en Agrón (de 16:00 a 18:30 horas). Os martes, será a quenda de Trasmonte (de 16:00 a 18:30 horas) e de Biduído (de 18:30 a 21:30 horas). En Bugallido a formación desenvolverase os mércores (de 18:30 a 20:00 horas). O xoves as clases serán na Ameixenda (de 19:00 a 21:30 horas).
Inscricións e información
Os/as interesados/as en anotarse poden facelo chamando ao teléfono 674 594 843. Requírese que os/as participantes conten con coñecementos básicos de informática. Os cursos, que son gratuítos, darán comezo a semana do 13 de xaneiro, e terán unha duración de 25 horas en total. Hai prazas limitadas, e a cota máxima por cada grupo será de 12 alumnos/as.