Pestanas principais

A Aula CeMIT dálle a benvida á primavera con cinco cursos formativos para rapaces e adultos

Venres, 15 de marzo de 2024

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa en 2024 con dous cursos dirixidos á rapazada e tres cursos para adultos. Os contidos céntranse no manexo de ferramentas dixitais como o programa LibreOffice Writer ou na iniciación ás redes sociais, entre outros. A inscrición en calquera dos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Os cursos da aula CeMIT os meses de marzo e abril abarcan contidos tanto para rapaces como para adultos, con contidos orientados tanto persoas que descoñecen o mundo da rede como para aqueles que busca mellorar o seu dominio das ferramentas dixitais.

Cursos para adultos
A primeira das formacións ofertadas pola aula CeMIT para adultos é “Iniciación ás redes sociais!”, que se impartirá martes e xoves de 10:00 a 12:00 horas desde o 19 de marzo ata o 11 de abril. Neste curso de iniciación, que ten un carácter presencial, os asistentes aprenderán a rexistrarse e manexar as redes sociais máis importantes ás que se pode acceder desde o ordenador, como Twitter ou Instagram, así como opcións libres como Mastodon ou Pixelfeld.

Nesta mesma liña tamén se oferta o curso presencial “Sácalle partido o teu teléfono móbil!”, que se impartirá martes e xoves de 10:00 a 12:00 horas desde o 16 de abril ata o 13 de xuño. Trátase dun curso de longa duración no que o alumnado aprenderá a controlar o seu teléfono móbil, comezando desde o máis básico para, posteriormente, avanzar no uso do Sistema Operativo Android e nas súas apps. Ademais, descubrirán unha ampla variedade de aplicacións que poden ser de utilidade no seu día a día.

Por outra banda, a Aula CeMIT tamén ofrece o curso telemático “Presentación con LibreOffice Impress!”, que se desenvolverá luns e mércores de 16:30 a 18:00 desde o 15  ata o 29 de abril. Trátase dun curso de 7 horas e media a través de YouTube que servirá como introdución e chegará a un nivel medio no uso do uso deste programa para a creación de presentacións. No temario destacan as peculiaridades das presentacións, a interface do programa, a inserción e formatado de elementos (imaxes, táboas, vídeos, cadros de texto...), así como a animación e interacción das diapositivas e o manexo de plantillas.  Para seguir este curso só será preciso matricularse e asistir ao directo en YouTube a través do ordenador. O luns pola mañá, antes do comezo de cada formación, enviarase por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada unha das sesións.

Cursos para rapaces
Os nenos e nenas tamén contan cun espazo de formación na aula CeMIT. Entre o 25 e o 27 de marzo haberá impartirase o curso “Scratch en Semana Santa”, dirixido a nenos e nenas entre 8 e 12 anos. Impartirase luns, martes e mércores, de 10:30 a 12:00 horas, e estará centrado no programa Scratch, que lles permitirá achegarse ao mundo da programación informática dun xeito interactivo e divertido.

Por outra banda, tamén se oferta o curso “Traballos de clase con LibreOffice Writer e Impress”. Orientado a nenos e nenas de entre  10 e 14 anos, desenvolverase entre o 2 e o 25 de abril. Impartirase martes e xoves, de 17:15 a 18:45 horas, e nel a rapazada achegarase a todo o que precisará ao longo da secundaria e o Bacharelato para facer traballos desde o seu ordenador.  

Para matricularse en calquera destes cursos, os menores de idade deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pode facerse a través desta ligazón.

A Aula CeMIT dálle a benvida á primavera con cinco cursos formativos para rapaces e adultos