Pestanas principais

A aula CeMIT de Ames celebra o entroido cunha serie de obradoiros e ofrece un amplo abano de actividades para febreiro e marzo

Venres, 25 de xaneiro de 2019

[25-01-2019] A Aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación para os meses de febreiro e marzo, con cursos para adultos e actividades para os/as máis cativos/as. Con motivo do entroido, organízanse catro obradoiros para crianzas e adolescentes. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.


Obradoiros de entroido
Con motivo do entroido, a Aula CeMIT amplía a súa oferta habitual destinada ás e aos máis novos/as da casa. Así, o luns 4 de marzo realizarase un obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos. De 10.00 a 12.00h, as crianzas aprenderán a usar o rato e o teclado de forma totalmente lúdica, a través do Paint e de xogos adaptados a súa idade. Ese mesmo día pola tarde, de 17.00 a 19.00h, os adolescentes poderán aprender a facer fotomontaxes sinxelas, tomando como base unhas directrices básicas á hora de facer fotomontaxes sinxelas dende o ordenador cunha webapp gratuita, similar a estándares do sector como Photoshop ou GIMP. 

O mércores 6 de marzo, pola súa banda, realizaranse dous obradoiros sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. De 10.00 a 12.00h irá destinado a menores de dez anos, mentres que na sesión da tarde, de 17.00 a 19.00h, os participantes serán maiores de dez anos.

Exames EMA
Nos meses de xaneiro e febreiro tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 15 de febreiro, de 17.30 a 18.30h, mentres que en marzo terá lugar o venres 15, en horario de 12.00 a 13.00h.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h, chamando ao número de teléfono 662 371 511 no mesmo horario, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Ciclo de introdución á informática para adultos
Ciclo formado por tres cursos enfocados en achegar a Informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas será Iniciación á Informática, que terá lugar do 19 ao 28 de febreiro, todos os martes e xoves, e que buscará introducir aos participantes no uso dun ordenador, dende o manexo do rato e teclado ata a familiarización co Sistema Operativo e a súa interface. Tamén se fará un percorrido polo funcionamento de programas básicos, como o procesador de texto, ou o como utilizar as memorias USB para transportar arquivos de un ordenador ó outro. 

A continuación, todos os martes, mércores e xoves do 7 ao 21 de marzo, impartirase un curso de iniciación a Internet, no que se partirá dun uso básico do ordenador para adentrarse na rede, co obxectivo de sacarlle o máximo partido. Así, ensinarase a usar o navegador de Internet e os distintos buscadores, así como o manexar múltiples e útiles servizos na rede como prensa, radio, televisión... 

O punto e final do ciclo marcarao o curso de iniciación ás redes sociais, a través do que os participantes poderán ver de primeira man as posibilidades que ofrecen redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram ou Youtube. Dito curso realizarase do 26 ao 28 de marzo en horario de 10.30 a 12.00, ao igual que os anteriores.

Cursos para menores
A Aula CeMIT tamén ten reservados unha serie de cursos destinadas a nenos e nenas. Para participar, é necesario rexistralos co usuario dos e das menores. Deste xeito, do 13 de febreiro ao 24 de abril haberá un curso de informática para nenos/as. Impartirase os mércores, en horario de 18:15 a 19:45horas. Trátase dun curso de iniciación á informática no que os nenos/as aprenderán a usar o rato e mailo teclado dentro do Sistema Operativo. Ademais aprenderán a manexar as xanelas, carpetas e documentos creados por eles mesmos, e aprenderán a facer buscas por Internet.

Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 11 de febreiro ao 29 de abril. É un curso de introdución e práctica co teclado de 45 minutos por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos, que se impartirá os luns de 18:15 a 19:00 hora, e outro para maiores de 10 anos, con clases todos os luns de 19:00 a 19:45 horas.


Entre os dezaoito cursos e obradoiros programados para os dous vindeiros meses, destaca a apertura da convocatoria para realizar o exame CODIX en modo teleformación. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame. Asemade, en marzo tamén se abrirá unha nova convocatoria para o CODIX de autoformación, modalidade na que os participantes só teñen que facer o exame, posto que se da por feito o dominio da materia.

Cursos para adultos
Entre o 29 de xaneiro e o 7 de febreiro, en horario de 10.30 a 12.00 horas, impartirase un curso centrado no manexo avanzado do correo electrónico, tanto gmail como de outras alternativas, tendo en conta aspectos como filtros automáticos, etiquetas ou reenvío automático. Neste momento as prazas xa están cubertas, pero os interesados en participar aínda están a tempo de inscribirse na lista de agarda, por se houbese algunha baixa.

Asemade, entre o 1 de febreiro e o 1 de marzo, todos os venres en horario de 10.30 a 12.00 terá lugar un curso de mecanografía, no que os alumnos poderán aprender a escribir con teclado da forma máis adecuada. Durante a formación, os participantes poderán estrear unha nova plataforma online que lles permitirá continuar o curso tamén dende a casa.

Charla sobre os talleres de reparación de vehículos: dereitos e deberes dos usuarios
O luns 4 de febreiro, de12.00 a 13.00h, a aula CeMIT acollerá unha charla sobre os dereitos e deberes como consumidores cando levamos o vehículo a un taller. Ao longo de 60 minutos, tentarase dar resposta a cuestións como se temos dereito a un orzamento previo, se poden cobrarnos pola elaboración dun orzamento se despois non arranxamos o coche no mesmo taller, ou se hai dereito a reclamar a devolución da peza que cambiaron. Nesta charla resolveranse todas estas cuestións e ao tempo que os participantes coñecerán os seus  dereitos e deberes como persoas usuarias destes servizos, así coma unha serie de recomendacións a ter en conta.

Ciclo ofimática
Tamén se levará a cabo un ciclo de ofimática composto por cinco cursos dirixidos non só a aqueles que queiran iniciarse na neste ámbito, senón tamén ao que queiran alcanzar un nivel medio no seu uso. Así, pese a ser a un ciclo apto para calquera interesado no tema, tamén está indicado para aqueles que desexen presentarse ó exame CODIX.

O primeiro curso desta serie xirará en torno a un primeiro achegamento ao procesador de textos LibreOffice Writer, e desenvolverase do 5 ao 14 febreiro, todos os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. Deseguido, profundarase no uso do Writer nunha segunda sesión centrada neste procesador, que se realizará todos os martes e xoves, do 19 ao 28 de febreiro, de 18.15 a 19.45h. As prazas para ambas actividades xa se encontran cubertas, pero acéptanse inscricións para a lista de agarda.

En marzo continuarase con outros dous obradoiros, nesta ocasión centrados no manexo das follas de cálculo LibreOffice Calc. Así, do 7 ao 21 de marzo impartirase un primeiro curso das nocións básicas desta ferramenta, mentres que do 26 marzo ao 4 de abril terá lugar unha segunda parte na que se afondará nas súas posibilidades. Ambos cursos impartiranse os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. Tamén haberá un curso durante o mes de abril sobre como realizar presentacións co LibreOffice Impress.