Pestanas principais

A aula CeMIT de Ames oferta novos cursos para os meses de verán

Martes, 20 de xuño de 2017

[20-06-2017] Coa chegada do verán, tamén chegan á aula CeMIT de Bertamiráns, os novos cursos de informática. Haberá tanto para adultos (con mecanografía ou edición de imaxes), como para nenas e nenos (con cursos de presentacións con Powtoon ou de programación con Scratch). Os obradoiros, que son de balde, desenvolveranse ao longo de varias xornadas, en horario de mañá para nenas e nenos, e de tarde para adultos. A reserva de prazas ten que ser realizada a través da ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9.

Ao longo do que resta de xuño e durante todo o mes de xullo, a aula CeMIT de Bertamiráns realizará unha serie de cursos de informática para todas as idades. Polas tardes, será a quenda dos adultos que terán a súa disposición cinco cursos diferentes: iniciación á Informática para maiores, edición de imaxes con GIMP, mecanografía, iniciación ás presentacións con LibreOffice e xornadas de busca de emprego a través de Internet.

O primeiro curso a desenvolverse será o de iniciación á informática para maiores, que decorrerá do 26 de xuño ao 5 de xullo, de luns a mércores, de 18:15h a 19:45 horas. Con el preténdese que as persoas maiores se familiaricen co rato e co teclado e que entendan como funcionan os programas máis básicos, así como a busca de información a través de Internet. A este curso, seguiralle o de edición de imaxes con GIMP, que terá lugar os venres, do 7 ao 28 de xullo, de 10:00h a 11:30 horas. O curso, que esta enfocado tanto para un público adulto como adolescente, pretende dar a coñecer as técnicas básicas de edición de imaxes do programa GIMP.

O curso de mecanografía decorrerá do día 10 ao 31 de xullo, todos os luns, de 18:15h a 19:45 horas. Pola súa banda, o de Iniciación ás presentacións con LibreOffice Impress, terá lugar entre o 11 e o 20 de xullo, todos os martes e mércores, entre as 18:15h e as 19:45 horas. Por último, tamén haberá unha serie de xornadas de busca de emprego a través da Internet. As xornadas son independentes e equivalentes, polo que as persoas interesadas só deberán anotarse nunha delas. Estas transcorrerán o martes, 20 de xuño, de 10:00h a 11:30 horas; o mércores, 12 de xullo, de 18:15h a 19:45 horas; e o xoves, día 27 de xullo, entre as 10:00h e as 11:30 horas.

Cursos de informática para nenas e nenos
En horario de mañá, as nenas e nenos do concello poderán participar de catro cursos diferentes segundo a súa idade: mecanografía, obradoiro de escrita e debuxo, obradoiro de programación con Scratch e, por último, obradoiro de programación con Powtoon.

O primeiro en ter lugar será o de mecanografía, que se realizará entre o 26 de xuño e o 31 de xullo. Haberá dous grupos, divididos por idades: os menores de 10 anos asistirán os luns de 10:00h a 10:45horas, mentres que as nenas e nenos que superen esta idade participarán, tamén os luns, en horario de 10:45h a 11:30 horas. Pola súa banda, o taller de debuxo e escrita está orientado para nenas e nenos menores de 6 anos. Con este obradoiro o que se pretende é que as máis e os máis pequenos pequenos da casa se familiaricen, a través de actividades lúdicas, co rato e co teclado. Este obradoiro decorrerá entre o 27 de xuño e o 18 de xullo.

Entre o día 28 de xuño e o 19 de xullo, terá lugar o obradoiro de programación con Scratch, para menores de 10 anos. Este programa é moi sinxelo, polo que é unha boa maneira de achegar a programación informática a nenas e nenos destas idades. O obradoiro será os mércores, de 10:00h a 11:30 horas. No tocante ao taller de presentacións con Powtoon, este está pensado para nenas e nenos maiores de 10 anos. Será todos os xoves, de 10:00h a 11:30 horas, entre o 29 de xuño e o 20 de xullo.

Reserva de prazas
A reserva dunha praza en calquera destes cursos debe ser realizada a través da ligazón https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9. No caso dos menores de 14 anos, estes deben estar rexistrados na aula CeMit, para o que será necesario realizar un rexistro previo, tanto por Internet ou na propia aula, así como presentar na aula CeMit a autorización requirida asinada polo titor ou titora.