Pestanas principais

A Aula CeMIT de Ames prepara un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios obradoiros para celebrar a Semana Santa

Martes, 09 de abril de 2019

A aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación de cara aos meses de abril e maio, con cursos para adultos, actividades para os/as máis cativos/as, unha videoconferencia sobre o etiquetado dos produtos cosméticos e varios exames EMA. Asemade, con motivo da Semana Santa, organízanse varios obradoiros para crianzas e adolescentes, centrados no primeiro contacto co ordenador ou na programación co Scratch. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A programación da aula CeMIT de Ames para os meses de abril e maio inaugurouse cun curso para adultos de iniciación para aprender a manexar o móbil intelixente, para o que se cubriron todas as prazas. Asemade, entre o 23 de abril ao 2 de maio, todos os martes e xoves realizarase un novo curso sobre a administración electrónica e as súas posibilidades. Así, buscarase derribar os variados problemas e dúbidas que un usuario se pode atopar cando decide converterse nun cidadán dixital. Para elo, afondarase en todo o necesario para familiarizarse co emprego do DNI electrónico, certificados dixitais, chave365, cl@ve e como acceder á sede electrónica do Concello de Ames e ó portal É-Saúde, entre outros servizos. O curso realizarase en horario de 18.15 ao 19.45 horas.

Videoconferencia sobre o etiquetado en cosméticos
Segundo datos da Asociación Nacional de Perfumería y Cosmética, o consumo de cosméticos en España experimentou un importante crecemento nos últimos anos. Sen embargo, como consumidores non sempre coñecemos a composición deste tipo de produtos, que están en contacto directo coa pel. Para botar luz sobre este tema, a Escola Galega de Consumo ofrece unha videoconferencia o luns 8 de abril, en horario de 12.00 a 13.00h, centrada no etiquetado, a publicidade e unha serie de recomendacións. Así, o obxectivo é que os consumidores poidan adquirir os seus cosméticos cunha actitude crítica e responsable.

Obradoiro de Semana Santa
Para aproveitar o tempo libre que as rapazas e rapaces terán coa chegada das vacacións de Semana Santa, realizaranse tres obradoiros destinados a eles/as. Así, o luns 15 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas, terá lugar un obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos.

O martes e o mércores impartiranse dous talleres sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. O día 16 estará destinado para menores de 10 anos e o 17 os alumnos e alumnas serán os maiores desta idade. Ambas actividades realizaranse de 10.00 a 12.00h. Os cativos e cativas que queiran matricularse nalgunha destas actividades deberán estar rexistrados na aula CeMIT e a inscrición deberá facerse só co seu usuario. No caso de non estar rexistrados, deberan rexistrarse para inscribirse.

Ciclo creativo
Por outra banda, en maio impartirase un ciclo de tres cursos de iniciación orientados á creación de contidos. A primeira destas formacións centrarase na edición de imaxes con GIMP, un editor libre que supón unha alternativa ao Photoshop. Así, do 7 ao 14 de maio en horario de 17.45 a 19.45 horas, os participantes coñecerán de primeira man a base da fotografía dixital e as ferramentas deste programa para manipulala.

A continuación realizarase un segundo curso, a través do que se guiará aos participantes na creación dun blog. Para elo, familiarizaranse coa plataforma gratuíta Blogger, e coñecerán unha serie de pautas que poderán poderán trasladar a calquera outra plataforma deste tipo. Esta formación impartirase entre o 14 e o 23 de maio. O ciclo finalizará cun taller sobre deseño vectorial con Inskape, que terá lugar do 21 ao 30 de maio e que suporá unha introdución a este programa libre e gratuíto co obxectivo de deseñar e elaborar toda clase de carteis e debuxos vectoriais. Calquera destes cursos terán lugar os martes e xoves.

Cursos para menores
Tralos obradoiros de Semana Santa, os rapaces e rapazas de Ames poderán anotarse en dous novos cursos que se impartirán durante o mes de maio. O primeiro deles consiste nunha formación de seis horas centrada na edición de imaxes, mediante a que os adolescentes aprenderán a manexar os conceptos básicos de un editor de imaxes xenérico empregando coma base unha webapp, per sen esquecer outras ferramentas libres coma GIMP.

Por outra banda, do 20 de maio ao 12 de xuño impartirase outro obradoiro de informática adicado a rapaces e rapazas maiores de oito anos que xa conten cunhas nocións básicas no uso do ordenador e queiran ampliar contidos. Ambos cursos terán lugar os luns e mércores, en horario 18.15 e 19.45 horas.

Ciclo de empregabilidade
Tamén se realizará un ciclo formado por dous cursos, enfocado a mellorar o nivel de empregabilidade dos participantes. Así, na primeira parte, que terá lugar o martes 28 e o mércores 29 de maio, veranse os diferentes tipos de currículos para entender cal se adapta mellor ás necesidades de cada un para, despois, ofrecer todo tipo de consellos e unha práctica de creación do CV.

A parte final desenvolverase o xoves 30, cunha xornada adicada á busca de emprego online a través de tódolos medios dispoñibles, como é o caso de boletíns, redes sociais ou páxinas de emprego. Todas as sesións deste ciclo impartiranse en horario de 10.30 a 12.00.

Exames CODIX
O prazo para inscribirse na convocatoria de maio para realizar o exame CODIX en modo teleformación xa está aberto dende o 28 de marzo. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame. Na aula CeMIT de Bertamiráns esta convocatoria será o 10 de maio ás 10.00h.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h, chamando ao número de teléfono 682 373 753 no mesmo horario, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT de Ames prepara un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios obradoiros para celebrar a Semana Santa

Multimedia

  • A Aula CeMIT de Ames prepara un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios obradoiros para celebrar a Semana Santa
  • A Aula CeMIT de Ames prepara un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios obradoiros para celebrar a Semana Santa