Pestanas principais

A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza tres cursos para o mes de febreiro

Luns, 21 de xaneiro de 2013

[21-01-2013] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames organizou tres novos cursos para o mes de febreiro. No primeiro obradoiro os usuarios/as iniciaranse na informática e na internet, no segundo curso os participantes coñecerán máis polo miúdo as posibilidades que ofrece o correo electrónico e o webmail, e no terceiro e último curso os usuarios/as familiarizaranse co término “computación na nube” ou “cloud computing”. Ademais, coñecerán as distintas ferramentas ofimáticas incluídas en Google Docs (agora denominado Google Drive). O prazo de inscrición para estes cursos estará aberto durante o que resta do mes de xaneiro e o mes de febreiro. A través deste servizo preténdese que todos os amesáns coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

A Aula CeMIT do Concello xa ten preparada a programación de actividades para o próximo mes de febreiro. A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con tres cursos que se desenvolverán ao longo do mes de febreiro. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos á veciñanza amesá.

O primeiro curso que se impartirá no mes de febreiro servirá para iniciarse na informática e na internet. Esta actividade está destinada a todos os interesados que queiran aprender a usar un equipo informático de forma básica, acender un ordenador, manexar o rato e o teclado, familiarizarse co entorno de traballo e o sistema operativo, aprender a xestionar arquivos e carpetas (crear, eliminar, copiar, pegar, etc...), copiar un documento nunha memoria extraíble, e crear, editar ou imprimir un documento cun editor de textos.

Tamén se vai a aprender a utilizar un navegador de internet, facer buscas de información básica na rede, e pedir cita médica pola internet. Esta actividade realizarase entre os días 5 e o 18 de febreiro, en horario de 19:00 h a 20:30 horas. O prazo para apuntarse neste obradoiro remata o día 4 de febreiro. Debido a que na anterior edición deste curso houbo moitas persoas interesadas en participar, seguirase a lista de agarda da edición anterior e se quedaran prazas libres cubriríanse por orde de entrada da solicitude.

No segundo obradoiro abordaranse diferentes cuestións do correo electrónico e do webmail. Nesta actividade aprenderase o que é o correo electrónico e como funciona, identificaranse as distintas formas de acceso ao correo electrónico (cliente e webmail), aprenderase a redactar, enviar e recibir correos electrónicos, enviar e recibir correos adxuntos, organizar o correo recibido, xestionar contactos, configurar respostas automáticas e aprender a crear firmas. Esta actividade desenvolverase os días 25 e 26 de febreiro, en horario de 10:30 h a 12:30 horas. O prazo para apuntarse remata o día 24 de febreiro.

Na terceira e última actividade os usuarios/as familiarizaranse co término “computación na nube” ou “cloud computing” e saberán identificar ás súas vantaxes, inconvenientes e particularidades. Ademais, coñecerán as distintas ferramentas ofimáticas incluídas en Google Docs (agora denominado Google Drive). Este curso está dirixido á cidadanía en xeral, PEMES e persoas autónomas que usen con axilidade un ordenador, manexen un navegador na internet e correo electrónico. É importante que os participantes neste obradoiro saiban manexar a nivel básico as ferramentas ofimáticas (procesador de textos, follas de cálculo e presentacións). O prazo para apuntarse nesta actividade remata o día 17 de febreiro. O curso vai realizarse entre os días 18 e 22 de febreiro, en horario de 10:30 h a 11:30 horas.

Promóvese a alfabetización dixital da sociedade amiense
A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. Ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da sociedade da información.

Para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Ames situada na Praza de Chavián s/n (Casa da Cultura de Bertamiráns), a través da web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion, chamar ao teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.es.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Aula CeMIT do Concello de Ames organiza tres cursos para o mes de febreiro"