- Tematica
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames organiza novos cursos de formación para os vindeiros meses de marzo e abril. Serán tres cursos para adultos: “Follas de cálculo con LibreOffice Calc”, “Iniciación ás redes sociais” e “Sácalle partido ao teu teléfono móbil!”. Así mesmo, tamén organizan un curso de scartch dirixido para menores de idade, que se desenvolverá en Semana Santa. A inscrición para calquera dos cursos pode facerse chamando ao 682 373 753, escribindo un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou de forma presencial nas propias instalacións da aula CeMIT en Bertamiráns.
A aula CeMIT organiza novas formacións para os vindeiros meses de marzo e abril. Concretamente, serán tres cursos dirixidos para persoas adultas e un novo curso dirixido para menores de idade. Ademais, como vén sendo habitual, estará habilitada a aula para o seu uso libre e consulta de dúbidas, de luns a venres en horario de 9.05 a 12.55 horas e de luns a xoves pola tarde de 16.35 a 18.55 horas.
Cursos para adultos
Haberá tres novas formacións presenciais dirixidas para adultos e ofértanse 14 prazas para cada un. O primeiro dos cursos será “Follas de cálculo con LibreOffice Calc”, que se desenvolverá desde o 3 de marzo ata o 9 de abril, os luns e mércores en horario de 17.15 a 18.45 horas. O alumnado poderá adquirir un coñecemento e práctica de nivel medio no uso de follas de cálculo. Trataránse diferentes contidos coa aplicación, como realizar operacións con porcentaxes, o manexo do asistente de funcións ou manexar todas as funcións básicas e as posibilidades que ofrece a aplicación.
Deste xeito, o segundo curso que se desenvolverá será “Iniciación ás redes sociais”, que se desenvolverá desde o 11 ata o 27 de marzo, os martes e xoves, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Nesta formación, o alumnado adquirirá diferentes competencias para coñecer mellor ás redes sociais máis importantes como Facebook, Instagram ou TikTok, pero tamén outras aplicacións máis respectuosas coa privacidade do usuario como Mastodon ou Pixelfed. Así mesmo, aprenderán a rexistrarse e manexalas desde o ordenador.
O último dos novos cursos para adultos que organiza a aula CeMIT é “Sácalle partido ao teu teléfono móbil!”, onde o alumnado aprenderá todos os usos e posibilidades que ofrece o teléfono móbil, desde o nivel máis básico. O curso comezará o 1 de abril e finalizará o 12 de xuño, os martes e xoves en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Cursos para menores
Así mesmo, a aula CeMIT organiza un novo curso de formación para menores, desta volta realizarase en Semana Santa e terá como eixo central a aplicación de programación Scratch, na que os pequenos poderán a comezar a coñecer a lóxica da Informática na programación. O curso desenvolverase o días 14, 15 de 16 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 e está dirixido para menores de 8 a 12 anos.
Cómpre lembrar que para que os rapaces e rapazas poidan matricularse aos cursos da aula CeMIT, os menores deben de estar rexistrados previamente na rede CeMIT. Poderán facelo de forma presencial nas instalacións da aula ou a través desta ligazón.