Pestanas principais

A Aula CeMIT organiza oito cursos formativos para rapaces e adultos

Luns, 25 de novembro de 2024

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante o mes de decembro con tres cursos dirixidos á rapazada e tres cursos para adultos. Os contidos céntranse na creación do currículum ou na busca de emprego a través da Internet, entre outros. A inscrición en calquera dos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Os cursos da aula CeMIT para as últimas semanas do ano abarcan contidos tanto para rapaces como para adultos, con contidos que van desde a creación un bo currículo e logo atopar emprego a través de Internet ata cursos de Nadal para menores de idades, sen esquecer ás persoas que desexen aprender a facer compras seguras a través da Internet.

Cursos para adultos
A primeira das formacións ofertadas pola aula CeMIT para adultos é “Crea o teu CV a medida!”, que se impartirá luns e mércores de 17:15 a 18:45 horas do 2 ao 11 de decembro. Neste curso, que ten un carácter presencial, as persoas participantes aprenderán a realizar un bo currículo orientado a satisfacer as súas necesidades na busca de emprego. Verán o proceso completo desde a creación dun autoanálise para decidir que poñer no CV ata o momento de escribir unha carta de presentación a unha empresa. Ademais, na sesión final poderán poñer en práctica o aprendido creando un CV coa axuda do profesor.

Nesta liña ofértase tamén o curso “Compras seguras a través de Internet”, que se desenvolverá martes e xoves de 10:00 a 12:00 desde o 3 ata o 12 de decembro. Coa chegada do Nadal, é posible que precisemos mercar algo "exótico" a través de Internet, e nada mellor para facelo sen medo que este curso no que se ensinará o proceso completo dunha boa compra: busca da mellor oferta, métodos de pago, proceso post-venta, dereitos coma consumidor e posible devolución do produto.

Por outra banda, a Aula CeMIT tamén ofrece o curso presencial “Busca de emprego a través de Internet!”, que se desenvolverá luns e mércores de 17:15 a 18:45 do 8 ao 15 de xaneiro. Trátase dun curso de introdución á busca de emprego na rede no que se proporcionarán consellos e trucos para esta dura busca, así como unha innumerable cantidade de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns semanais, uso de redes sociais.  

Cursos para rapaces
Os nenos e nenas tamén contan cun espazo de formación na aula CeMIT. Os días 23 e 30 de decembro haberá un curso de postais de Nadal, dirixido a nenos entre 5 e 7 anos. Impartirase de 10:30 a 12:00 horas, e estará centrado nos máis pequenos, co obxectivo de que coñezan o mundo da informática creando postais de Nadal co programa Paint.

Nesta mesma liña impartiranse outros dous cursos de Nadal para rapaces. O curso “Postais de Nadal Pixelart”, dirixido a nenos entre 8 e 10 anos, impartirase o 26 de decembro e o 2 de xaneiro, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Nel aprenderán a facer debuxos de Nadal con programas pixelart (debuxos de baixa resolución semellantes aos dos videoxogos clásicos). Ademais, empregaranse weapps, polo que non será preciso instalar nada no caso de que os rapaces queiran practicar na súa casa. Unha temática similar ten o curso “Postais de Nadal animadas con Scratch”, dirixido a rapaces de entre 10 e 14 anos, que se impartirá os días 27 de decembro e 3 de xaneiro en horario de 10:00 a 12:00 horas. Nel aprenderán as bases para crear unha postal de Nadal animada, a modo de felicitación de ano novo.

Para matricularse en calquera destes cursos, os menores de idade deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pode facerse a través desta ligazón.

A Aula CeMIT organiza oito cursos formativos para rapaces e adultos

Multimedia

  • A Aula CeMIT organiza oito cursos formativos para rapaces e adultos