Pestanas principais

A Aula CeMIT volve en outubro con clases telemáticas e presenciais

Luns, 28 de setembro de 2020

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames programou novos cursos para os meses de outubro, novembro e decembro. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores. Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os/as usuarios/as. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.

Na programación do último trimestre de 2020 da Aula CeMIT incorpóranse tres cursos presenciais para adultos. Comezarase en outubro co de iniciación á informática para, unha vez asentados os contidos básicos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos e coñecer a xestión do sistema operativo. Este curso será do 6 ao 22 de outubro (os martes e xoves), de 10.30 a 12.00 horas.

Continuarase co curso de iniciación á Internet. Este impartirase entre finais dende o 27 de outubro ata o 19 de novembro. Nel explicarase como funciona a web: manexo de navegador, interface das páxinas, servizos de interese e introdución ao uso dun ordenador para seguir os nosos cursos telemáticos dende a casa.

Os cursos presenciais, que teñen un aforo máximo de 9 participantes, rematarán co obradoiro de “iniciación ás redes sociais”, que se impartirá do 24 de novembro ata o 3 de decembro (os martes e xoves), en horario de 10.30 a 12.00 horas.

Debido á situación actual provocada pola Covid-19, rógase puntualidade e un uso responsable dos materiais comúns da aula. É dicir, obrigarase a empregar máscara en todo momento,a limparse as mans con xel hidroalcohólico e respectar a distancia de seguridade entre os postos.  

Ofimática dende a casa
Como nas programacións anteriores, ofertaranse cursos telemáticos. Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube (luns, martes e xoves) e conectar coas prácticas voluntarias en Jitsi Meet (mércores e venres).

En outubro comezarase cos cursos destinados a introducir á suite ofimática LibreOffice, con dous obradoiros sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado) e outros dous de follas de cálculo.

Introdúcese tamén o curso telemático de presentacións de LibreOffice Impress. Trátase dun curso de introdución ata o nivel medio de creación de presentacións con Impress: peculiaridades das presentacións, interface do programa, así coma inserción e formante diferentes elementos.

Cursos dende a casa para menores
En canto aos cursos destinados a menores, terán lugar un curso de informática de mecanografía que se realizará o xoves 1 de outubro, en horario de 17.30 a 19.00 horas. Será unha sesión única dende YouTube coma introdución á mecanografía mediante a plataforma online de Typing.com.

Tramites de inscrición
Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número  teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal

Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Cartel Aula CeMIT.

Multimedia

  • Cartel programación Aula CeMIT.
  • Cartel medidas de seguridad Aula CeMIT.