Pestanas principais

A Aula CeMIT volveu abrir as súas instalacións cunha ampla programación de cursos para adultos e nenos/as

Xoves, 16 de febreiro de 2017

[16-02-2017] A Aula CeMIT, que está situada no segundo andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, volveu abrir as súas portas con novos cursos para adultos e nenos/as. Para persoas maiores de 18 anos estanse impartindo unhas xornadas de iniciación á Internet, un curso de iniciación ao procesador de textos writer e un curso de edición de fotografías co programa de software libre GIMP. Por outra banda, para os nenos e nenas realizaranse actividades relacionadas coa elaboración de cómics e vídeos animados. A aula abre de luns a venres, en horario de mañá, de 9:45 a 13:15 horas, e de tarde, de 16:30 a 20:00 horas.

Como novidade este mes poderase realizar un exame para a obtención do certificado dos cursos da plataforma de teleformación. A través da web cemit.xunta.gal/ema poderase acceder a cursos sobre novas tecnoloxías e para obter un certificado ao finalizar o contido deberase realizar un exame nalgunha das aulas CeMIT. Este mes a convocatoria será o 24 de febreiro ás 10:30 horas. Algúns dos cursos que se poden realizar por teleformación son Control parental, Seguridade informática, Uso da cámara dixital, Comercio Electrónico, Vendas no muro, Creación de blogs, Administración electrónica, etc.

Os cursos que se están impartindo este mes de maneira presencial na Aula CeMIT son o de iniciación á Internet (do 13 ao 22 de febreiro). Este curso básico, no que os participantes aprenderán a buscar información na Internet, desenvolverase os luns e mércores de 10:00 a 11:30 horas. Outro dos cursos é o de creación de textos a través do procesador de textos Writer, que se desenvolve do 13 ao 22 de febreiro, os luns e mércores de 18:15 a 19:45 horas. O writer é un editor de textos de LibreOffice (software libre). Con el pódese crear textos, engadirlle fotos, táboas, carteis simples, ou mesmo o teu currículo. Trátase dun curso básico, pero adaptado ás características do alumnado. Por último, impártese un curso de edición de imaxes co programa GIMP do 14 ao 23 de febreiro (os martes e xoves de 10:00 a 11:30 horas). Neste curso coñeceranse as principais ferramentas do GIMP para o retoque de imaxes, inclusión de texto nas imaxes, axuste de luminosidade, uso de filtros, etc.

Para os nenos e nenas impártese un curso de creación de cómic con ferramentas online os días 14 e 21 de febreiro, en horario de 17:00 a 18:00 horas. Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas de 7 a 9 anos. Outro dos cursos que se imparten os días 16 e 23 de febreiro, para rapaces e rapazas, é o de creación de animacións con Powtoon. Neste caso hai dúas quendas. A primeira impártese de 17:00 a 18:00 horas, para nenos/as de 10 a 13 anos, e a segunda de 18:30 a 19:30 horas para rapaces e rapazas de 13 a 16 anos.

Todas as persoas que desexen inscribirse nestes cursos poderán facelo a través da web da CeMIT no seguinte link: https://cemit.xunta.es/gl/centro/9. Para calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 662 371 511. Por outra banda, cómpre lembrar que, sempre que non se estea realizado ningún curso, na aula CeMIT estará dispoñible o servizo de aula aberta no que se poderán utilizar os equipos libremente e baixo a titorización das encargadas deste servizo. Tamén podes seguir a actividade do centro no Facebook da aula: https://www.facebook.com/cemitames/