- Tematica
O departamento de Medio Ambiente amesán, a través da Aula da Natureza, participou o pasado mércores 26 de xaneiro na ampliación e remodelación da balsa creada o pasado ano no IES de Ames, dentro do proxecto educativo “Charcas con vida” da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Na actividade participou o alumnado de paisaxismo de 1º da ESO, que desenvolve labores de fenoloxía no entorno do centro educativo.
As charcas son grandes reservas de biodiversidade e conforman ecosistemas de gran valor, malia que en moitas ocasións non son preservadas nin tomadas en conta para o seu estudo. Estes espazos, que poden chegar a formarse de xeito natural ou artificial, serven como refuxio para algunhas das especies máis ameazadas de anfibios, invertebrados e plantas acuáticas. Noutras ocasións, son empregados como corredores biolóxicos entre varios hábitats, ou mesmo como lugar de descanso ou de abeiro temporal para outras formas de vida.
O pasado curso, e como parte do proxecto educativo da asociación ADEGA “Charcas con vida”, o IES de Ames creou unha pequena balsa nas súas instalacións exteriores, co fin de crear un espazo de conservación da biodiversidade e favorecer a educación ambiental do seu alumnado. Ao longo deste ano, a charca de nova creación deixou bos resultados de colonización de pequenos invertebrados e contribuíu ao labor docente, polo que a dirección do centro decidiu ampliala.
En coordinación coa Aula da Natureza, e aproveitando a proximidade do Día Mundial das Zonas Húmidas, que se celebra o 2 de febreiro, o centro puxo en marcha a ampliación da charca o pasado mércores 26 de xaneiro, coa colaboración de ADEGA e das brigadas do departamento de Medio Ambiente.
Tras recoller a flora e a fauna xa aloxada na balsa, as brigadas procederon á reforma, seguindo as instrucións do coordinador de educación ambiental de ADEGA. Ampliouse o perímetro e fixéronse tres alturas, co fin de crear un pequeno gradiente de profundidade. Despois, cubriuse o terreo con xeotextil, procedendo á impermeabilización e ao proceso de enchido. A medida que se foi cubrindo de auga o espazo, incorporáronse elementos como terra, pedras ou troncos, que nun futuro poidan servir de refuxio para a biodiversidade.
Na actividade participou tamén o alumnado de 1º da ESO que cursa a materia de paisaxismo. Estas rapazas e rapaces veñen traballando coa Aula da Natureza dende comezos de curso no ámbito da fenoloxía, recibindo formación neste senso e realizando saídas ás instalacións exteriores do IES e ao monte para recoller e comparar datos.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A charca educativa do IES de Ames quedou ampliada"