Pestanas principais

A Aula da Natureza e o Apego propoñen achegar os bebés á natureza co taller “Con-tacto natural” este sábado 14

Venres, 06 de maio de 2022

A Aula da Natureza, en colaboración co programa Apego de Normalización Lingüística, organiza no parque do Ameneiral de Bertamiráns o obradoiro “Con-tacto natural”, un novo taller sensorial ao aire libre pensado para familias con bebés de 0 a 2 anos. As crianzas estarán en contacto con elementos naturais, sentirán o tacto de diferentes materiais e descubrirán sons e aromas. Será o sábado 14 de maio, de 12:00 a 13:30 horas. As inscricións para a actividade son de balde e poderán realizarse dende hoxe ata o 12 de maio, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

O parque do Ameneiral acollerá o próximo sábado unha actividade para as familias con bebés, pensando no seu desenvolvemento en contacto coa natureza. As crianzas de entre 0 e 2 anos poderán sentir o tacto de materiais naturais, como a herba, a madeira, a auga ou as pedras, os sons que producen e os aromas que os rodean na natureza, xa sexan as flores, a terra ou as plantas. Mediante este obradoiro, no que colaboran a Aula da Natureza e o Programa Apego, os bebés e as súas familias achegaranse dun xeito natural á contorna e á lingua.

A estimulación sensorial na primeira infancia é esencial para o desenvolvemento cognitivo do ser humano. A etapa que vai do nacemento aos dous anos é a etapa sensoriomotora na que as crianzas aprenden grazas á información que reciben a través dos cinco sentidos. Esta información sensorial estimula o seu sistema nervioso, fomenta multitude de conexións neuronais e axuda a desenvolver as funcións cognitivas fundamentais para o razoamento e a resolución de problemas simples.

A forma máis axeitada de traballar a estimulación temperá nas crianzas é de forma lúdica, a través de xogos simples que fomenten a súa curiosidade, experimentación e autonomía. A contorna natural pon ao noso alcance multitude de materiais, de sons, de aromas que, ademais de achegarnos a natureza e a un xeito de vida saudable, favorecerán a enriquecedora estimulación sensorial nos primeiros anos de vida. Este obradoiro é un punto de partida, un espazo para que as familias experimenten e descubran toda a variedade de actividades agradables e entretidas que poden realizarse na natureza para a activar e estimular todos os sentidos.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal indicando nome e apelidos das persoas que queiran inscribirse, idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o 12 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

A programación infantil con Apego do primeiro semestre de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza e o Apego propoñen achegar os bebés á natureza co taller “Con-tacto natural” este sábado 14

Multimedia

  • A Aula da Natureza e o Apego propoñen achegar os bebés á natureza co taller “Con-tacto natural” este sábado 14