Pestanas principais

A Aula da Natureza estrea a súa sede cunha nova actividade "Mañás ao natural"

Venres, 01 de abril de 2011

[01-04-2011] Baixo o título "Mañás ao natural" a Aula da Natureza levará a cabo unha serie de obradoiros durante catro sábados dos meses de abril e maio cos que aproveitará para dar a coñecer a súa nova sede. O feito de contar desde o domingo 20 de marzo cun espazo físico propio permitirá a estas actividades afianzarse no tempo. A primeira xornada de "Mañás ao natural" será este sábado, día 2 de abril, co lema "Vén coñecer a túa Aula da Natureza".

A Aula da Natureza aproveitará o seu novo espazo físico, inaugurado o pasado día 20 de marzo, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello tanto a propia aula como diversos elementos da natureza. As actividades terán lugar durante as mañás dos sábados. Para esta primavera, entre os meses de abril e maio, está previsto que se desenvolvan catro citas no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia de Ameixenda.

Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, "a nova sede da Aula da Natureza, situadas na Ameixenda, abre un gran abanico de novas posibilidades para realizar diferentes tarefas de educación ambiental". Tendo en conta que na natureza os tempo están marcados e que o método científico obríganos a seguir unha serie de pasos (observación, hipóteses, revisión...), agora ao dispoñer dun espazo propio onde se poidan realizar actividades, que se alonguen no tempo, abre novas posibilidades para traballar no eido da educación ambiental.

A primeira actividade terá lugar, baixo o título común de "Mañás ao natural", este sábado 2 de abril. A temática desta primeira actividade será máis xeral, tendo como lema "Vén coñecer a túa Aula da Natureza". Os nenos e nenas coñecerán as instalacións e os arredores deste edificio ao mesmo tempo que participarán no deseño e elaboración da programación que durante os vindeiros meses se vai realizar dende a Aula da Natureza. Como todas as actividades do ciclo, comezará ás 11:30 horas e estará orientada a nenos e nenas entre 6 e 12 anos de idade.

A segunda actividade desta iniciativa terá por temática "Coñecendo o bosque" e levarase a cabo dúas semanas despois da primeira, o sábado 16 de abril. Con motivo da declaración deste 2011 como Ano Internacional dos Bosques, a Aula da Natureza dedicará esa xornada a ensinarlle aos nenos/as algo máis sobre a importancia de mantermos estes espazos naturais, incidindo nas características do monte galego, de tipo atlántico, e concienciando aos cativos participantes arredor da importancia que teñen certas árbores para o mantemento do solo e a necesidade de manter o bosque ordenado e limpo. Ademais aprenderán sobre o aproveitamento do monte e farán un mural sobre un bosque.

Actividades para maio

Xa en maio, o sábado 7, terá lugar a actividade "Coñecendo as cunchas" na que os nenos e nenas aprenderán a diferenciar os diversos tipos de cunchas, a súa composición e emprego, ademais dos nomes. Cos materiais dos que se dispoñan elaborarase unha pequena exposición.

Por último, o sábado 28 de maio levarase a cabo a actividade "Traballando coas plantas" na que se elaborarán, aproveitando esas datas, os tradicionais maios para que os nenos/as leven un exemplar para as súas casas e quede un na aula. Os cativos aprenderán máis sobre esta tradición, incluíndo as plantas máis comunmente empregadas.

Para o vindeiro curso, as actividades de "Mañás ao natural" poderían gozar dunha periodicidade definida e estar plenamente afianzadas no calendario. Deste xeito os sábados pola mañá os máis pequenos de Ames poderían asistir a unha escola da natureza con actividades e obradoiros encadeados. A Aula da Natureza aproveitará así plenamente as capacidades que lle ofrece posuír un espazo físico de seu.