Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza este outono catro xornadas para poñer en valor a castaña e os castiñeiros

Luns, 23 de setembro de 2024

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. Para participar nas distintas actividades é precisa inscrición previa. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, indicando a actividade na que se quere participar. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

A Aula da Natureza propón para os meses de outono “Arredor dos castiñeiros”, unha serie de xornadas sobre o castiñeiro e as castañas. A finalidade desta proposta é amosar que o cultivo de castiñeiros e a comercialización da castaña son actividades rendibles e sostibles que poder contribuír á fixación de poboación no rural. Ademais, búscase manter os cultivos tradicionais do concello de Ames xa que, especialmente na zona norte (nas parroquias de Agrón, Lens, Tapia, Piñeiro e Ameixenda) existe unha arraigada cultura arredor dos castiñeiros.

Os castaños, que pertencen ao grupo de frondosas caducifolias, poden plantarse nas faixas secundarias para a prevención de incendios, o que ofrece un triplo beneficio: manter limpos os terreos, ofrecer unha protección contra o lume e rendemento económico en terreos non madeirables.

Programa
As xornadas, estruturadas arredor de charlas obradoiro e visitas, estarán impartidas por Miguel Ángel Vázquez de la Mata, xerente de Viveros Castanea Sativa, que conta cunha ampla experiencia tanto no cultivo e xestión dos castiñeiros como na divulgación
dos coidados que precisan.

A primeira xornada terá lugar o sábado 28 de setembro no local social de Piñeiro. Será unha sesión teórico-prácticas sobre a selección de plantas, variedades requerimentos de cultivo e enfermidades dos castiñeiros. Haberá dúas sesións: de 11:00 a 13:30 horas, e de 16:30 a 18:30 horas. Ofértanse 40 prazas.

O sábado 19 de outubro celebrarase a segunda xornada, unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña. Desenvolverase en horario de 9:00 a 18:00 horas e haberá servizo de autobús. Ofértanse 50 prazas.

No mes de outubro haberá outra xornada o sábado 26 de outubro no monte escolar de Ames, de 11:00 a 13:30 horas. Trátase dunha sesión teórico-práctica na que os participantes aprenderán máis sobre a xestión dos soutos, e sobre as podas de formación, saneamento e renovación. Ofértanse un total de 50 prazas. Haberá servizo de autobús.

A derradeira xornada terá lugar o sábado 23 de novembro no local social de Piñeiro. Consistirá nun obradoiro de enxertos, que se desenvolverá en horario de 10:00 a 13:30 horas. Ofértanse 30 prazas.

Inscrición
Para participar nas distintas actividades é precisa inscrición previa. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, indicando a actividade na que se quere participar.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "A Aula da Natureza de Ames xa pensa en castañas e castiñeiros"

A Aula da Natureza organiza este outono catro xornadas para poñer en valor a castaña e os castiñeiros

Multimedia

  • A Aula da Natureza organiza este outono catro xornadas para poñer en valor a castaña e os castiñeiros