Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza unha visita ao encoro Abegondo-Cecebre para este domingo

Mércores, 14 de novembro de 2018

[14-11-2018] Ao abeiro do programa VéV, a Aula da Natureza programa unha saída ao encoro de Abegondo-Cecebre para o domingo, 18 de novembro. Durante esta saída ornitolóxica, os participantes poderán coñecer a zona ao tempo que ven algunhas das 200 especies de aves que viven alí, como o gabián ou a garza real, entre outras. Para participar é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

A Aula da Natureza continúa a desenvolver actividades no marco do programa VéV, deseñado para amosar que a vida e a variedade van da man na natureza. O vindeiro domingo terá lugar unha nova saída baixo o título VéV. Vida no aire, na que os participantes realizarán unha saída ornitolóxica polo espazo natural do encoro Abegondo – Cecebre, e achegaranse a algunhas das 200 especies de aves que habitan a zona. Entre as aves que habitan nos arredores do encoro atópanse especies acuáticas, como a garza real e o carcomán grande, e forestais como son o abelleiro europeo, o miñato negro ou o gabián.

A saída comezará ás 10.30h, hora á que o autobús saíra da Praza do concello de Bertamiráns. Quince minutos despois, fará parada na Casa da Cultura do Milladoiro, dende onde tomará camiño ata San Martiño de Orto. Arredor das 11.30h, iniciarase a ruta pola zona de Orto, cunha pequena parada para que tomar o xantar que cada un leve da casa. O percorrido finalizará ás 16.45 horas, cando se emprenderá o camiño de volta a Ames, a onde se prevé chegar ás 18.00h.

Variedade é vida – Vida é variedade (VéV)
Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Deste xeito, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a variedade, que é o que da riqueza á vida, polo que debe ser respectada.

A través de diversas actividades, iráselles mostrando aos participantes temas como a vida en chemineas submarinas a 200 ºC de temperatura ou ambientes radioactivos, vida no Ártico e na Antártida, vida a escuras ou a vida nocturna, entre outros.

Inscrición previa
Para participar na actividade VéV. Vida no aire é necesario inscribirse antes das 14.00h do venres, 16 de novembro, enviando a ficha que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. É importante cubrir todos os datos que aparecen na ficha, en especial aqueles recollidos no apartado de alerxias, enfermidades e intolerancias alimenticias.

Pódese obter máis información sobre as iniciativas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.