Pestanas principais

A Aula da Natureza prepara en abril unha fin de semana de rutas ambientais nos Ancares

Sábado, 02 de abril de 2022

A Aula da Natureza organiza o sábado e domingo 23 e 24 de abril unhas rutas ambientais nos Ancares, como parte da súa programación de primavera. Para a viaxe, as persoas participantes escollerán permanecer unha xornada ou dúas, nas que o aloxamento e a manutención non están incluídas. O sábado realizarase a ruta dos Tres Bispos partindo dende a Degrada dos Ancares, mentres que o domingo será a quenda da ruta dos Cabanillos, cunha visita a Piornedo. Para participar, cómpre enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Continúan as saídas e as propostas ao aire libre para todos os públicos da Aula da Natureza, despois de que no mes de marzo se realizara unha xornada dedicada á ornitoloxía, o pasado sábado 26, na que se deron a coñecer as aves insectívoras e se colocaron caixas niño nas árbores para contribuír á súa conservación.

Nesta ocasión, a veciñanza poderá gozar dunha excursión aos Ancares o sábado 23 e o domingo 24 de abril, onde se realizarán varias andainas ao longo da fin de semana. Na primeira xornada, percorrerase a ruta dos Tres Bispos, uns 14,52 quilómetros que parten dende a Degrada dos Ancares, lugar ao que chegará o autobús da expedición sobre as 11:00 horas. Logo comerase nas campás de Tres Bispos e regresarase á Degrada sobre as 18:30 horas.

Xa no domingo, a partir das 10:00 horas comezará unha saída cara á ruta dos Cabanillos, que continuará despois do xantar cunha visita ao Piornedo, unha aldea que destaca polas súas pallozas prerromanas.

As persoas participantes poderán decidir se permanecer as dúas xornadas ou só o sábado. Deste xeito, o servizo de autobús sairá de Ames o sábado 23 de abril, dende a praza do Concello de Bertamiráns ás 8:00 horas, e da Casa da Cultura do Milladoiro ás 8:15 horas. Logo, poderán optar por volver ese mesmo día 23, ás 19:00 horas, ou ao día seguinte, o domingo 24, ás 17:30 horas.

Tanto o aloxamento como a manutención non están incluídas na viaxe, polo que as persoas que decidan quedar alí toda a fin de semana deberán xestionar por si mesmas onde pasar a noite. Neste senso, dende a Aula da Natureza recomenda buscar máis información na páxina web do Concello de Cervantes, www.concellocervantes.es.

A palloza "Casa do Sesto", no Piornedo

Multimedia

  • Cartel das rutas ambientais nos Ancares
  • Imaxe dos obradoiros de caixas niño, o pasado sábado 26 de marzo
  • Imaxe dos obradoiros de caixas niño, o pasado sábado 26 de marzo
  • Imaxe dos obradoiros de caixas niño, o pasado sábado 26 de marzo