Pestanas principais

A Aula da Natureza realizou onte a primeira actividade das previstas co gallo do Ano Internacional da Química e dos Bosques

Venres, 04 de febreiro de 2011

[04-02-2011] Con motivo da declaración por parte da Unesco de 2011 como Ano Internacional da Química e dos Bosques, o concello de Ames decidiu realizar, a través da Aula da Natureza, unha serie de actividades cos colexios relacionadas con estas temáticas. A primeira destas actividades celebrouse onte na Escola Unitaria de Cobas onde os rapaces tomaron contacto coa enerxía como elemento fundamental nas nosas vidas que debe empregarse de xeito racional, aforrarse e tender día a día a cambiar as actuais fontes por outras de carácter sostible. Ao acto acudiu a concelleira de Medio Ambiente Úrsula Seijas para comprobar de primeira man como os máis novos do concello aprenden hábitos sostibles.

Os nenos e nenas de 3 a 6 anos da Escola Unitaria Cobas recibiron onte unha amena charla organizada pola Aula da Natureza, dependente da concellaría de Medio Ambiente, a través da cal pretendíase inculcarlles dun xeito divertido e ao mesmo tempo moi didáctico diversas cuestións relacionadas coa enerxía, o tema desta primeira actividade.

Para elo, dende a Aula da Natureza entregóuselles aos rapaces e rapazas un sinxelo manual editado polo concello de Ames - "A enerxía cada día"- a través do cal puideron ir seguindo as explicacións da encargada de darlles esta charla que se dividiu en tres grandes partes.

A primeira parte pretendía aprenderlles aos nenos e nenas a identificar os distintos elementos da casa, da escola, da vila e de todo aquilo que nos rodea que utiliza enerxía e a partir de aí, realizar unha sinxela explicación de como funciona esta enerxía da que se alimentan estes aparellos e os seus posibles usos. Así, fíxoselle ver aos alumnos e alumnas como é que unha lámpada, a través da enerxía eléctrica, produce luz ou como outro tipo de enerxías producen calor, movemento, etc.

Na segunda parte da charla abordáronse as diversas fontes de enerxía tradicional -o carbón e o petróleo- e o proceso polo cal se forman, facéndolles comprender que dito proceso de creación é moi complexo e dura milleiros de anos, polo que non é posible que os produza a man do home e por elo, só temos o que a natureza nos dá, de xeito que son esgotables e a medida que se van consumindo vanse reducindo as súas reservas. Ademais, fíxose especial fincapé no feito de que, como fontes de enerxía procedentes de recursos naturais, a extracción destes da natureza é moi custoso -a nivel económico porque se atopan en lugares de difícil acceso para as persoas (bolsas de petróleo baixo os océanos, minas de carbón soterradas a centos de metros da superficie, etc), mais tamén humano, véxanse os perigos que corren os mineiros na súa labor diaria- e altamente contaminantes.

Chegados a este punto, fíxoselles aos rapaces e rapazas a pregunta clave que os científicos do momento intentan responder: ¿Que farías para aforrar enerxía? A través desta cuestión os rapaces fóronse familiarizando con diversos actos que poden levar a cabo na súa vida diaria para reducir o consumo e, ao mesmo tempo, déuselles paso á terceira parte da charla: as enerxías renovables. Neste apartado a responsable da Aula da Natureza explicoulles aos nenos e nenas de Cobas as distintas fontes de enerxía renovable -o sol, o vento, as mareas e mailos ríos- e o feito máis destacables destas: como enerxías procedentes de elementos da natureza que non se esgotan non se acaban, a súa obtención para o uso como fontes de enerxía non é tan dificultoso nin custoso como o das enerxías esgotables e son limpas, xa que da na súa obtención e uso non se contamina. Como novas enerxías que se están a pór en marcha pouco a pouco, pedíuselles aos alumnos e alumnas que identificasen diversos lugares que visen onde estas enerxías estivesen presentes (muíños de vento nos montes, algún panel solar nalgún edificio, etc) para que aprendesen a identificalos e vaian tomando conciencia da súa presenza na realidade que os rodea. Así, fíxoselles saber que, malia que son importantes, non son a solución definitiva, que de momento -mentres non se desenvolvan por completo estas enerxías renovables, métodos para o almacenaxe da enerxía que producen e modelos tecnolóxicos que permitan unha maior obtención de enerxía- o uso intelixente das enerxías pasa por combinar as renovables coas esgotables de xeito eficaz.

Os nenos/as xogaron cos sostibles

Rematada a charla cos alumnos e alumnas, estes puideron xogar con "Os Sostibles", uns personaxes dun xogo informático creado polo Inega no que tiveron que ir identificando aos malos para eliminalos. Neste caso, os malos do xogo eran os aparellos e elementos que utilizaban enerxías sucias ou consumían moito -como as lámpadas de alto consumo-, pois, tal como reza no CD do mesmo "xogando cos sostibles iremos descubrindo que os nosos hábitos en relación coa enerxía deben mudar para conseguirmos un planeta máis limpo".

E esta é a clave destas actividades organizadas pola Aula da Natureza, ir inculcando aos máis novos e novas no uso racional da enerxía - "utilizar lámpadas de baixo consumo, apagar a luz cando non sexa necesaria, pór a calefacción a 19 graos ou utilizar máis a bicicleta en lugar do automobil", como recolle o xogo d´Os Sostibles- para ir pouco a pouco cara un uso máis sustentable da mesma, así como írense familiarizando coas enerxías limpas e o seu funcionamento.

Os cativos quedaron cos libros entregados para que, nas súas casas, vaian pintando os debuxos que aparecen nel e así vaian lembrando o que se lles dixo, ao tempo que poderán realizar coas súas familias as actividades que inclúe o manual. Nestas deberán preguntarlles aos maiores da casa como farían eles para aforrar enerxía, identificar os diversos usos desta, facer unha lista de todos os lugares aos que habitualmente vai en coche e podería ir en bici ou identificar o tipo de enerxía e a cantidade desta que emprega cada electrodoméstico.

Deste xeito a Aula da natureza funciona unha vez máis como elemento de inclusión dos máis novos nunha nova conciencia comprometida co sustento da natureza e a súa biodiversidade.