- Tematica
O pasado venres 5 de agosto o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, xunto co concelleiro do Rural, Santiago Márquez, visitaron as obras que se están a realizar nos núcleos de Lapido e Maguxe, en Ortoño, onde se está construíndo unha senda peonil. O proxecto, incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023, conta cun orzamento de 201.060 euros, e recolle a execución de dous treitos de senda de formigón a ambas marxes do tramo, de 950 e 230 metros de lonxitude, así como a súa drenaxe.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, vén de visitar a semana pasada as obras xa rematadas nos interiores e os accesos dos lugares das Cortes e de Ortoñiño, e por outra banda a execución da senda peonil entre os núcleos de Lapido e Maguxe, na parroquia de Ortoño. En ambas actuacións, relacionadas coas infraestruturas do rural, o Concello de Ames investiu preto de 354.000 euros, que afectan directamente á seguridade viaria e peonil.
Neste senso, o alcalde puido comprobar os traballos que se están a realizar na futura senda peonil de Lapido a Maguxe, que conta cun investimento de 201.060,18 euros e que foi adxudicada á empresa Mantido SL, como parte do Plan Ames Progresa 2021-2023. Na visita estivo acompañado do concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, ademais de persoal municipal e da empresa redactora do proxecto.
As actuacións inclúen a creación de dous treitos de senda peonil de formigón a ambas marxes dun tramo viario de 950 metros, de 950 e 230 metros de lonxitude e dunha anchura media de 1,8 metros. O novo camiño construirase sobre 20 centímetros de saburra, previa apertura da sobreanchura necesaria para a súa aplicación.
Baixo esta capa procederase á canalización de pluviais, cun total de 47 sumidoiros que favorecerán a drenaxe. Asemade, a construción da senda irá acompañada de tres treitos de muro de pedra granítica, que axudarán a limitar o derrame de terra nos puntos onde as novas vías estean máis elevadas que os terreos lindeiros. Sobre os bordes destes pasos de maior altura disporanse uns 95 metros de varandas metálicas, que terán unha altura duns 124 centímetros.
O alcalde Blas García destacou “o traballo realizado dende o Concello por mellorar a seguridade peonil no rural e para facer que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir. Ademais, avanzamos co Plan Ames Progresa, co que seguimos coas actuacións nas vías e infraestruturas do rural”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Avanza la senda peatonal entre Lapido y Maguxe, en Ortoño"
El Correo Gallego: "Avanzan as obras para unir Lapido e Maguxe cunha senda peonil que vai ter 1,8 metros de ancho medio"
Enfoques: "Avanza la construcción de la senda peatonal que conectará Lapido y Maguxe, en Ortoño"
AMSGO!: "A senda peonil entre Lapido e Maguxe será rematada en breve"