Pestanas principais

Avánzase na tramitación para a construción do complexo deportivo do Milladoiro

Sábado, 25 de marzo de 2023

O Goberno municipal de Ames está traballando na construción dun complexo deportivo na localidade do Milladoiro. Concretamente ditas instalacións situaranse na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro. Trala presentación do anteproxecto en febreiro de 2022 o goberno municipal levará ao pleno ordinario deste mes de marzo unha proposta para a concesión de obra para a construción de dita instalación deportiva municipal do Milladoiro e maila explotación do conxunto deportivo que conformará a obra xunto a instalación municipal A Telleira situada en Bertamiráns. Ademais, darase traslado ao Pleno do estudo de viabilidade que terá que estar en exposición publica durante un mes. Cumprimentado o tramite de exposición pública do estudio de viabilidade e achegados os informes de sustentabilidade e demais legalmente previstos, será sometido a aprobación polo Pleno.

Dende decembro de 2020 estívose traballando na elaboración dun estudio de viabilidade para coñecer a fórmula de xestión e demanda de dita instalación e tamén para proxectar as dimensións e características que debería ter dita infraestrutura. De xeito conxunto tamén se levou a cabo un estudo de explotación e sistema de concesión da instalación. Posteriormente, elaborouse un anteproxecto para dispor do deseño interior e exterior da infraestrutura e das necesidades administrativas e urbanísticas da parcela onde se vai executar o complexo deportivo.

En novembro de 2022 elaborouse un informe - memoria da necesidade de tramitar un expediente de contratación de concesión de obra publica para a construción dunha instalación deportiva no Milladoiro que comprenda a posterior xestión da mesma así como a da instalación xa existente en Bertamiráns, coñecida como centro deportivo municipal A Telleira. Tamén consta no expediente un informe conxunto de Secretaría e Intervención no que, tras examinar o estudo de viabilidade achegado en xaneiro de 2023 (tivo que ser actualizado economicamente en decembro 2022), indícase que cumpre as esixencias para o inicio dun expediente de concesión de obra publica. Unha vez a consultora Dosvalor  achegou información complementaria solicitada por Secretaría e Intervención considérase completo o estudio de viabilidade.

Deste xeito, o Pleno debaterá o vindeiro xoves, 30 de marzo, unha proposta para a concesión de obra para a construción de dita instalación deportiva municipal do Milladoiro e maila explotación do conxunto deportivo que conformará a obra xunto a instalación municipal A Telleira situada en Bertamiráns. Ademais, darase traslado ao Pleno do estudo de viabilidade que terá que estar en exposición publica durante un mes. Cumprimentado dito tramite de exposición pública do estudio de viabilidade e achegados os informes de sustentabilidade e demais legalmente previstos, será sometido a aprobación polo Peno.

A concelleira de deportes, Susana Señorís, explica que “avanzamos na tramitación administrativa para dotar O Milladoiro dun complexo deportivo xa que é unha vella demanda da veciñanza desta localidade. O expediente administrativo consta de varias fases que levan aparellados uns prazos que hai que cumprir. Coa realización desta infraestrutura preténdese saldar esta reclamación histórica e ao mesmo tempo ofrecer novos servizos aos veciños e veciñas desta localidade e do resto do concello, para que poidan practicar deportes nunhas instalación modernas. Prevese que estas instalacións poidan coller arredor de 4.100 abonados e ademais coa posta en funcionamento deste complexo estímase que se crearán 21 novos postos de traballo”.

Edificio moderno, accesible e sostible
O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a aposta clara que está facendo este Goberno para construír un complexo deportivo con piscina climatizada no Milladoiro. No pleno ordinario deste mes de marzo porase en coñecemento do Pleno o estudo de viabilidade elaborado pola empresa Dosvalor que consta no expediente de concesión de obra pública para a construción de dita instalación deportiva no Milladoiro e para a explotación conxunta deste novo centro e da instalación municipal A Telleira de Bertamiráns”.  

O rexedor municipal tamén destacou que se “trata dunha infraestrutura moi necesaria para a veciñanza do Milladoiro e da que tamén se van poder beneficiar o resto de veciños e veciñas do concello. Deste xeito, tanto veciños e veciñas de Ames como doutros concellos limítrofes van poder acudir a este novo complexo a practicar deporte. Vaise a construír un edificio moderno, accesible e sostible e que contará con servizos novidosos”.

Complexo deportivo de tres plantas
Está previsto que dita infraestrutura se execute na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro, e que é de propiedade municipal. Está parcela está designada para equipamentos dentro do sector S-15 e conta cunha superficie de 3.700 metros cadrados.

O complexo deportivo contará cunha superficie de 3.452 metros cadrados e con tres plantas distribuídas en varias alturas. Deste xeito o edificio adaptarase á pendente que ten a parcela onde se situará. Ao mesmo tempo, a construción desta nova infraestrutura permitirá urbanizar esta zona céntrica do Milladoiro coa creación dunha nova praza pública de 1.300 metros cadrados. O espazo exterior polo que se accede ao complexo deportivo actuará como elemento integrador entre o edificio e mailo espazo viario. Trátase dun espazo urbanizado que albergará zonas libres de tránsito e zonas con árbores e que servirá de conexión entre os diferentes niveis da zona exterior e mailo edificio.

O complexo deportivo do Milladoiro contará cunha planta subterránea (planta soto) que estará dedicada a garaxe e contará con prazas para 68 vehículos e 9 motocicletas. Haberá dúas prazas adaptadas ao carón dun dos accesos ao edificio. Habilitaranse dous accesos ao espazo público exterior e un delas con vinculación directa ao complexo deportivo. Na planta soto tamén se situarán distintos locais técnicos (salas de caldeiras así como de instalacións e intercambiadores).

Plata baixa: piscinas de competición e aprendizaxe
Por outra banda, na planta baixa haberá unha zona de recepción e unha zona con dúas piscinas; unha delas será unha piscina de 12,5 por 25 metros, que dispón das medidas regulamentarias para poder albergar distintas competicións de deportes acuáticos; e unha segunda piscina de 12,5 por 8 metros que estará dedicada actividades de aprendizaxe. É importante destacar que se dotará á piscina de competición de gradas con aforo para 200 persoas e con servizos e accesos propios. Na planta baixa tamén se vai a construír unha zona de servizos complementarios de spa.

As dúas piscinas estarán en zonas independentes, polo que cada piscina contará cuns vestiarios propios. Deste xeito, os vestiarios da piscina de aprendizaxe estarán en fronte de dita piscina para facilitar o acceso. O mesmo sucederá cos vestiarios da piscina de competición. Tamén hai que salientar que ambas piscinas terán accesos diferentes.

Salas de fitness e ximnasio
Como elemento diferenciador preténdese empregar a cuberta do edifico para o desenvolvemento de actividades deportivas ao aire libre (ioga, pilates, crossfit, etc) e tamén para habilitar nesta zona tres salas, para realizar actividades de fitness, e unha sala máis ampla de 750 metros dedicada a ximnasio, para realizar exercicio cardiovascular e muscular. Aproveitando a orientación suroeste que vai a ter o edificio vaise crear un espazo para empregar coma solarium.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El nuevo complejo deportivo de O Milladoiro creará 21 empleos y pretende captar 4.100 abonados"

El Correo Gallego: "El complejo deportivo aguarda 4.100 abonados en Milladoiro"

 

Plano do complexo deportivo do Milladoiro

Multimedia

  • Plano do complexo deportivo do Milladoiro
  • Plano do complexo deportivo do Milladoiro
  • Parcela onde se vai a construír o complexo deportivo do Milladoiro