Pestanas principais

A Banda Bacana actuará o 14 de xullo na XVIII edición da Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño

Martes, 02 de xullo de 2024

Unha nova edición da Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, terá lugar o vindeiro domingo 14 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. Nesta ocasión, ademais, amenizará o xantar a banda de gaitas e de baile rexional Os Castros. Ademais, realizarase un campionato de chave por parellas e haberá inchables gratuítos para os nenos e nenas. A xornada rematará coa actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024.

Arredor de 1000 racións de chourizo e 800 de orella serán servidas na XVIII edición da Festa do chourizo ao viño, que se celebrará o domingo 14 de xullo. Os tiques para participar na festa, un dos eventos gastronómicos de maior tradición no concello, venderanse no campo da festa de Ortoño, onde se realizará o evento. Ademais do xantar, a festa inclúe unha tarde chea de música e de opcións para que os máis cativos e cativas tamén poidan gozar.

Degustación de chourizo e orella
A xornada dará comezo ás 12:00 horas, coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco, para a que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.

As racións venderanse a prezos populares. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella, o pan e o viño custará 6 euros.

Actuacións musicais e concurso de chave por parellas
Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros, e coa dos mariachis Sol de Galicia acompañados do vocalista Miguel Torres.

Tamén terá lugar, a partir das 16:00 horas, o XVII Campionato de Chave por Parellas. Todas aquelas persoas que desexen participar poderanse inscribir no propio día, ata as 15:30 horas. Os/as gañadores/as recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames, ademais doutras sorpresas.

Por outra banda, para entreter aos nenos e nenas, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tikolandia.

Xa cara o final da xornada, ás 19:30 horas, os asistentes poderán gozar dunha actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024. Esta agrupación trae un espectáculo no que os ritmos afrolatinos se mesturan coas letras de poetisas galegas, portuguesas e iberoamericanas, fusionando así as culturas de aquí e alén do Atlántico.

A Banda Bacana actuará o 14 de xullo na XVIII edición da Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño

Multimedia

  • A Banda Bacana actuará o 14 de xullo na XVIII edición da Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño
  • A Banda Bacana actuará o 14 de xullo na XVIII edición da Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño