[02-10-2013] As asociacións de comerciantes e o Concello de Ames unen forzas para dinamizar o comercio amiense durante este outono. Entre os días 1 e 31 de outubro desenvolverase a campaña comercial "Este Outono caen premios". Nesta iniciativa participarán máis de 70 establecementos pertencentes a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a Asociación de Empresarios e Profesionais do Milladoiro (AEMI), a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulevar e a Asociación Empresarial Polígono Novo Milladoiro.
Cada comercio participante nesta campaña comercial repartirá entre a súa clientela un total de 200 rifas. Non haberá un importe mínimo de compra para conseguir unha rifa. Estes boletos darán dereito a participar nun sorteo de 3 vales de compra por valor de 500 euros cada un. A través deste sorteo intentarase que a veciñanza amiense acuda aos comercios locais para realizar as súas compras. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta campaña comercial.