Pestanas principais

Bertamiráns FC e Bastavales UD protagonizan un partido solidario en favor de SOGAPS

Venres, 08 de novembro de 2024

O Concello de Ames, o Bertamiráns FC e SOGAPS volven colaborar para recadar fondos para os campamentos de refuxiados saharauís. Será a través do partido que disputan este domingo, 10 de novembro, o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD no campo municipal de Bertamiráns. A contía recadada a través da venda de entradas para ver dito partido será doada a SOGAPS para sufragar o programa Vacacións en Paz. Os fondos servirán para tratar de paliar os efectos das graves inundacións nos campamentos de refuxiados saharauís.

O partido de fútbol que se disputará este domingo, 10 de novembro, ás 17:00 horas, no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e mailo Bastavales UD terá un claro compoñente solidario: os fondos que se consigan servirán para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas, que derrubaron numerosas infraestruturas, tanto de vivendas particulares como de asistencia á comunidade, e provocaron a evacuación de máis de 600 familias. Ademais, tamén foron destruídos centros educativos e médicos, polo que practicamente todo o material quedou inutilizable.

Neste contexto, a Media Lúa Vermella Saharauí e o Ministerio de Cooperación da RASD solicitan axuda urxente para proporcionar toda a asistencia humanitaria posible para cubrir as necesidades máis urxentes: rehabilitación de infraestruturas, distribución de víveres básicos e produtos de primeira necesidade, subministración de medicamentos e saneamento dos espazos.

Susana Señorís, concelleira de Deportes; Uxía García, concelleira de Benestar Social; Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS, e Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, foron as persoas encargadas de presentar o pasado 31 de outubro esta iniciativa solidaria que ten o obxectivo de recadar fondos para apoiar a campaña solidaria de emerxencia impulsada por SOGAPS con motivo da crise humanitaria provocada polas intensas choivas nos campamentos de refuxiados saharauís. No acto tamén estivo presente María Brea, en representación das familias acolledoras do programa Vacacións en Paz.

O custe das entradas será de 5 euros, e poderán adquirirse o propio día do partido na taquilla do campo. Tamén se venderán rifas para o sorteo dunha cesta de froita e dunha cea no restaurante Milongas. Ademais, tanto o sábado como o domingo durante todo o día haberá na área deportiva de Bertamiráns un stand solidario para dar información sobre o programa de acollemento Vacacións en Paz e a asociación SOGAPS.

Bertamiráns FC e Bastavales UD protagonizan un partido solidario en favor de SOGAPS

Multimedia

  • Bertamiráns FC e Bastavales UD protagonizan un partido solidario en favor de SOGAPS