- Tematica
A escritora e veciña de Ames, Dru Parbel, presentará este sábado, 28 de setembro, ás 12.00 horas na Biblioteca de Bertamiráns, o libro de literatura infantil, Ben va al cole. Acompañada da concelleira de Cultura, Natividade González, a autora dará a coñecer este novo título, que ve a luz coa intención de ensinar e mostrarlles aos nenos e nenas, de forma amena, como coñecer e actuar fronte ao "bullying", tan actual nos colexios hoxe en día. Dende a Concellaría de Cultura apóstase pola posta en valor dos espazos culturais de Ames e anímase aos escritores e escritoras do concello a dar a coñecer as súas obras nos mesmos, favorecendo as sinerxias coa veciñanza e achegando a literatura a toda a poboación.
En Ben va al Cole, Dru Parbel busca dar unhas nocións básicas para que os rapaces e rapazas saiban reaccionar ante o “bullying”, un tipo de acoso se da xa desde preescolar. O libro persegue a idea de previr futuros problemas e reaccionar adecuadamente para que os nenos/as, tanto aos que o practican como os que o sofren, poidan corrixir esta conducta desde a súa infancia. Un conto que, ademais, serve de axuda aos pais/nais, pola súa forma de explicar de forma sinxela, as causas e efectos do “bullying” en preescolar. Ben va al cole ve a luz a través de Ediciones Camelot e conta coas ilustracións de Makoke Torralba, o deseño de cuberta de Rubén Rodríguez e a maquetación de Alejandra Rico.
A concelleira de Cultura, Natividade González, sinala que “para nós é importante dar a coñecer os bos traballos que se fan en Ames no eido cultural. Desta volta, seguimos apostando pola literatura e que mellor lugar para presentar esta nova obra de Dru Parbel que a Biblioteca. De feito, animamos aos moitos autores e autoras que temos en Ames para que conten con nós á hora de promocionar os seus libros. É imprescindible que sigamos levando a cultura e, nomeadamente a literatura, a esta poboación tan nova coa que contamos no noso concello”.