- Tematica
A biblioteca municipal de Bertamiráns acollerá este sábado, 20 de maio, a presentación da colección de libros inclusivos “Lemos +6”, da man da súa autora, Susana Peix. Trátase dun evento que se celebra con motivo do 35 aniversario de Cumio Editorial, e que conta coa colaboración da libraría amesá Lenda. Será ás 12:00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
A autora Susana Peix estará este sábado, día 20, presentando a súa colección “Lemos +6” na biblioteca de Bertamiráns. A cita, organizada polo departamento de bibliotecas de Ames e a libraría Lenda, pretende servir como celebración do aniversario número 35 de Cumio, a editorial da colección.
“Lemos +6” conta xa con oito títulos publicados, tanto en galego como en castelán e en catalán. O obxectivo da colección é que non haxa ningún neno nin ningunha nena que non poida gozar do pracer dunha boa lectura, polo que a accesibilidade é un dos puntos chave de todas as obras que a compoñen.
As historias da colección son contos pensados para todos os públicos, e están escritos cunha serie de características que facilitan a lectura, como unha tipografía de 20 puntos ou unha xustificación en banda á esquerda que facilita o paso dunha liña a outra. Estes recursos, sumados a outros como empregar fondos claros e lisos para que exista un contraste de cor, facilitan a lectura a nenos con dislexia, con baixa visión...
Por outra banda, as ilustracións xogan tamén un papel fundamental, ao estar pensadas para reforzar o texto. Así, os ilustradores e ilustradoras buscan que o seu traballo axude á comprensión lectora, describindo en imaxes o que sucede no texto.
Non só o continente dos libros é accesible, senón que o contido tamén é unha defensa activa da diversidade. Todas as aventuras que forman parte de “Lemos +6” están repletas de valores como a amizade, o altruísmo, a perseveranza ou a solidariedade.
O acceso á presentación da colección é libre e de balde ata completar aforo.
A autora: Susana Peix
A autora da colección é Susana Peix. Peix, licenciada en Biblioteconomía e documentación, está especializada na accesibilidade á lectura, en materiais adaptados, bibliotecas inclusivas e accesibilidade universal.
A traxectoria literaria da escritora comezou no ano 2005, cunha obra pensada para nenos. Posteriormente, deu o salto á literatura para adultos. Este ano 2003 publicou o libro “Enemiga íntima: unha novia virtual, una estafa y un asesinato”.
Susana Peix tamén está ligada ao mundo da radio, e durante 10 anos dirixiu un programa adicado á literatura infantil e xuvenil: Memôria de Peix.