Pestanas principais

A Biblioteca Municipal de Ames conmemora as Letras Galegas a través da súa páxina de Facebook

Mércores, 06 de maio de 2020

O próximo 17 de maio celebrase o Día das Letras Galegas en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero. Para conmemoralo, a Biblioteca de Ames ten programado a publicación de diversos recursos con información, vídeos e entrevistas co autor dende o 11 ao 17 de maio no Facebook da Biblioteca. Ademais, persoal de biblioteca,  concelleiros e concelleiras e outros cargos municipais participará na gravación de vídeos de poemas do autor que tamén serán difundidos a través da rede social.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Compostela, 1990) é a persoa escollida para a homenaxe neste gran día para as nosas letras. Pero debido á situación de emerxencia sanitaria, moitas entidades están solicitando que se prolongue o ano de actividades en conmemoración a este autor ao 2021. Mentres, a Real Academia Galega, institución que realiza a celebración oficial de cada ano cos actos oficiais, vai pospoñer o acto oficial de homenaxe a outubro de 2020.

Aínda así, a Biblioteca de Ames, independentemente das datas de celebración das homenaxes oficiais, celebrará as Letras Galegas na semana do 11 ao 17 de maio con actividades que se levarán a cabo a través da páxina de Facebook da Biblioteca, afondando na figura e a obra de Carvalho Calero.

Neses días, publicaranse recursos con información, vídeos e entrevistas con esta gran figura das nosas letras. Ademais, persoal da biblioteca, así como concelleiros e concelleiras, xunto con máis persoal municipal do concello, participará na gravación de vídeos de poemas de autor que serán difundidos a través do Facebook.

A obra escollida para a selección de poemas de Carvalho Calero é “Antología da poesía en galego de Ricardo Carvalho Calero”, de Paulo Fernández Mirás, editado por Através Editora no ano 2019. Esta, recolle unha selección ampla de toda a obra poética do autor dende a publicación de “Vieiros” en 1931, até “Reticências” de 1989, pouco antes do seu falecemento 

Así, as persoas que visiten a páxina de Facebook durante eses días, poderán escoitar na voz do persoal do concello versos de diferentes poemarios do autor como “Vieiros” (1931), “O silencio ajoellado” (1934), “Anjo de Terra” (1950), “Poemas pendurados dun cabelo” (1952), “Saltério de Fingoi” (1961), “Futuro Condicional” (1961-1982), “Cantigas de amigo e outros poemas” (1980-1985), “Reticências” (1986-1989).

Carvalho Calero, 110 anos dende o seu nacemento e 30 anos dende o seu pasamento

Ricardo Carvalho Calero é unha persoa crave na historia do noso país. Licenciado en Dereito en 1931, publica os seus primeiros poemas na Editorial Nós de Compostela, dirixida por Ánxel Casal. Foi fundador tamén en 1931 do Parido Galeguista e participou na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1936.

Na Guerra Civil incorporouse ao exército republicano, e loitou en Valencia e Andalucía, onde foi detido. En 1939, terminada a guerra, foi xulgado e condenado por separatista a cadea perpetua, que ao final se veu reducida a doce anos de prisión.

A partir de 1941, en Ferrol, Ricardo dedicouse ao ensino privado ao ter prohibido dedicarse ao ensino e traballo en postos públicos. A partir de 1950 dedicase ao ensino no colexio Fingoi de Lugo. En 1954 doutórase en Madrid cunha tese en Literatura Galega Contemporánea, e a partir de aí, realiza numerosos estudos e publicacións relacionadas coa lingua e literatura galega, ademais de manter a súa produción literaria. Foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Xa a partir de 1979, participa na Comisión de Lingüística da Xunta Preautonómica, que elaborou unhas Normas Ortográficas do Idioma Galego e que non chegaron a ser discutidas. Dende ese momento, Ricardo Carvalho Calero defenderá sempre a unidade lingüística entre o galego e o portugués e a aproximación da norma escrita galega á portuguesa. Ricardo falece en marzo de 1990 en Compostela.

 

Cartel Biblioteca Letras Galegas

Multimedia

  • Cartel Biblioteca Letras Galegas