Pestanas principais

A biblioteca municipal do Milladoiro acolle este martes, 25 de outubro, a presentación do libro 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' con Pepe Carreiro

Luns, 24 de outubro de 2022

O mes de outubro está cheo de actividades para conmemorar o Día nacional do Dano Cerebral, que se conmemora o 26 de outubro. Este ano, tamén para nenas e nenos, que poderán coñecer mellor o dano cerebral adquirido grazas a Os Bolechas. E é que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) editou, coa axuda destes coñecidos personaxes, a guía 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'. Trátase dunha nova guía 'Os Bolechas' conta ás nenas e nenos como é a nosa discapacidade e cales son as súas causas.

O libro vaise presentar na Biblioteca municipal do Milladoiro, mañá martes 25 de outubro. FEGADACE vai regalarlle o libro a todas as nenas e nenos que asistan, haberá contacontos, e contarase coa presenza especial do autor, Pepe Carreiro, que asinará o libro da súa creación. O acto vai ser ás 17:30 horas e está dirixido especialmente a nenas e nenos de 0 a 6 anos.

A traballadora social de FEGADACE será a encargada de introducir o acto. A continuación un neno e unha nena da asociación vai ler o conto ao tempo que se proxecta na pantalla fixa da biblioteca. Para pechar, Pepe Carreiro vai facer un debuxo nun rotafolio; e, por último, as nenas e nenos que queiran poderán pedirlle ao autor que lles asine o libro.

A Federación Galega de Dano Cerebral editou este libro no marco dun proxecto financiado pola Deputación da Coruña a través da convocatoria FOCVAA 2022. Ademais de editar o libro, distribuíronse tres exemplares de 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' en todos os centros de ensino infantil e primario e en todas as bibliotecas municipais da provincia da Coruña.

O obxectivo é axudar ao alumado a familiarizarse, por unha banda, coa detección e causas do dano cerebral adquirido e, por outra banda, co respecto á diferenza e o aprecio á diversidade. Isto farase a través de obradoiros en centros escolares, coa propia distribución do libro e en cantas presentacións e formatos xurda levar a publicación. Unha vez presentado farase o reparto do libro en formato físico.

'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' é unha nova guía de Os Bolechas na que a familia coñece a Mireia, unha nena que ten dano cerebral adquirido. Con ela aprenden cales son as causas desta discapacidade, como son as secuelas, que ela mesma presenta, e reciben algúns consellos para relacionarse coas amigas e amigos que teñen dano cerebral adquirido.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os Bolechas llevan a O Milladoiro la lucha de Mireia contra el daño cerebral adquirido"

AMS GO!: "A biblioteca municipal do Milladoiro acolle o martes a presentación de 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' con Pepe Carreiro"

A biblioteca municipal do Milladoiro acolle este martes, 25 de outubro, a presentación do libro 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' con Pepe Carreiro

Multimedia

  • A biblioteca municipal do Milladoiro acolle este martes, 25 de outubro, a presentación do libro 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' con Pepe Carreiro