Pestanas principais

As bibliotecas amesás poñen en marcha un concurso de debuxo e a campaña “Superlectores” para conmemorar o mes do libro

Martes, 04 de abril de 2023

Co gallo do Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, as bibliotecas municipais de Ames presentan dúas novas actividades de animación á lectura, que se enmarcan dentro da súa programación “Abril, mes do libro”: un concurso de debuxo e a campaña Superlectores, que por segundo ano consecutivo buscan recoñecer ao seu público infantil e xuvenil sorteando varios lotes de libros.

O departamento de bibliotecas de Ames, que traballa xa na posta en marcha da programación “Abril, o mes do libro”, vén de presentar dúas novas propostas de animación á lectura. Por un lado, as bibliotecas presentan o “II Concurso de debuxo”. Con esta iniciativa, que xa se levou a cabo o pasado ano, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria ou Secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral.

Dito debuxo debe presentarse en tamaño folio, e pode levarse a cabo coa técnica que os participantes prefiran (rotuladores, ceras, collages, acuarelas...). Neles, a rapazada poderá expresar, por exemplo, cal é o seu libro favorito ou o seu momento ideal para ler, por que animan a outros cativos e cativas a iniciarse na lectura, etc.

No certame establécense tres categorías: a primeira abarca todos os debuxos realizados por nenos e nenas de 1º, 2º e 3º curso de Primaria. Na seguinte categoría participarán as crianzas de 4º, 5º e sexto de Primaria. A última das categorías incluirá as obras dos rapaces e rapazas da ESO. O xurado estará conformado polo Equipo de Animación á Lectura das Bibliotecas de Ames e pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Os gañadores/as das dúas primeiras categorías recibirán como premio un lote de libros, e, ademais, os seus debuxos serán impresos nos marcapáxinas que se crearán polo Día da Biblioteca. Por outra banda, o gañador/a da terceira categoría tamén recibirá un lote de libros, e a súa obra será a protagonista do cartel das actividades das bibliotecas municipais do vindeiro curso 2023-2024.

Os interesados en participar no concurso xa poden presentar, ata o vindeiro 23 de abril, os seus debuxos. Deben facelo de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, no que ademais da obra do neno/a figuren tamén o seu nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto.

Campaña Superlectores
Por outro lado, o departamento de Bibliotecas volve a poñer en marcha a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito na súa anterior edición. Coa campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.

Nesta ocasión, “Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas ata o vindeiro 1 de outubro.

Os usuarios irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que terá lugar o 20 de outubro. En total haberá 8 premios na categoría infantil e 6 na de adultos.

Aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Contos sobre contos” na biblioteca de Bertamiráns
As bibliotecas continúan tamén coa súa programación habitual. Dende o pasado sábado e ata mañá, mércores 5 de abril, está aberto o prazo para inscribirse noutra das actividades de animación á lectura para cativos e cativas en Bertamiráns, "Contos sobre contos". Trátase de tres sesións de contacontos, que se celebrarán os días 11, 12 e 13 de marzo, ás 17:30 horas, e que están dirixidas a crianzas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto. Tamén se pode chamar ao número 981 884 829.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las bibliotecas de Ames animarán a la lectura mediante dos concursos"

AMS GO!: "As bibliotecas de Ames celebran abril como Mes do Libro"

Cartaz do programa "Superlectores"

Multimedia

  • As bibliotecas amesás poñen en marcha un concurso de debuxo e a campaña “Superlectores” para conmemorar o mes do libro
  • As bibliotecas amesás poñen en marcha un concurso de debuxo e a campaña “Superlectores” para conmemorar o mes do libro