Pestanas principais

As bibliotecas de Ames celebran o mes do libro cunha ampla variedade de actividades, concursos e sorteos

Martes, 29 de marzo de 2022

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames prepara co gallo da celebración do mes do libro unha serie de obradoiros, sesións de narrativa oral, concursos e sorteos coa lectura e a literatura como temática central. As actividades comezan este 31 de marzo co espectáculo de música e narrativa “Little Neno”, mentres que catro librarías do concello reparten participacións dende este luns 28 ata o sábado 23 de abril para un sorteo de 800 euros en cheques de compra.

Coma todos os anos dende o 1996, o 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro, unha xornada que de xeito anual trae consigo un mes de programación especial nas bibliotecas do Concello de Ames. Nesta ocasión, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo e mesmo un sorteo para premiar ás lectoras e lectores máis ávidos.

Este luns foi presentada na biblioteca de Bertamiráns a oferta de actividades das bibliotecas para este mes de libro, nun acto ao que acudiu a concelleira de Cultura, Natividade González, acompañada do persoal do departamento de Bibliotecas, Bibiana Calvo e Xoán Manuel Pérez.

A concelleira de Cultura, Natividade González, gabou as iniciativas que se veñen poñendo en marcha dende o departamento de Bibliotecas, e animou á veciñanza a sumarse a estas e a futuras propostas. “Os nosos veciños e veciñas poderán gozar dunha intensa e extensa programación durante o mes de abril co motivo do mes do libro, unha data que en Ames celebramos con moito entusiasmo. Conmemoracións coma esta poñen en valor tanto o esforzo e o traballo do persoal das bibliotecas, como a riqueza cultural existente no noso concello con todas as propostas para todos os públicos”.

Actividades de animación á lectura

O mes do libro comezará co espectáculo de música e narrativa "Little Neno descobre... Os Beatles". A editorial A Reixa combina estas dúas facetas para dar a coñecer a un dos grupos de maior renome da historia da música pop. A proposta, orientada ao público familiar, terá lugar este xoves 31 ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O espectáculo poderá seguirse en lingua de signos.

En abril haberá máis narrativa oral para a cativada, coa sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos, “Unha lea de contos”. Como é habitual, a actividade repetirase en tres xornadas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas. No Milladoiro a proposta desenvolverase os días 5, 6 e 7 de abril, mentres que en Bertamiráns terá lugar os días 19, 20 e 21.

O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende o luns 28 de marzo e ata o sábado 2 de abril, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Pola súa banda, as inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do venres 8 ao mércores 13 de abril, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben escribir ao mesmo enderezo.

Neste mes tamén proseguirán as actividades de animación á lectura para a rapazada de 3º a 6º de primaria. Haberá uns novos obradoiros, que nesta ocasión consistirán nunha actividade de “escape room” literario, na que os nenos e nenas terán que abrir todos os cadeados agochados nas bibliotecas. Os talleres desenvolveranse no Milladoiro o venres 22 de abril, ás 17:30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión terá lugar o sábado 23 ás 11:30 horas.

Dende o 4 ata o 20 de abril poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Do mesmo xeito, o público adulto poderá gozar dos xa habituais encontros literarios, neste mes con varios autores e autoras amesás. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o xoves 7 a Charo Pita e a Carlos Labraña, mentres que o xoves 21 será a quenda de Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar, ambas propostas ás 20:00 horas.

Sorteo de 800 euros en vales para librarías

Ademais, durante o mes do libro os lectores e lectoras máis fieis verán recompensadas as súas visitas ás librarías amesás. Catro establecementos participan no sorteo de ata 800 euros en vales regalo para realizar novas compras nas propias librarías. Cada unha repartirá oito cheques de 25 euros, que se sortearán o 27 de abril nas bibliotecas de Ames. Participarán na rifa as persoas que realicen compras nas librarías Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, ou na papelaría O Tinteiro do Milladoiro, entre o 28 de marzo e o 23 de abril. Preme aquí para consultar as bases do sorteo ao completo.

Concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura

Non obstante, as librarías non ían ser as únicas en premiar aos seus usuarios e usuarias. A rapazada amesá poderá presentar os seus debuxos a un concurso organizado polo departamento de Bibliotecas, no que os mellores deseños levarán un lote de libros e ocuparán uns marcapáxinas conmemorativos que se repartirán o Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro.

Haberá dúas categorías: a primeira, de 6 a 9 anos, mentres que a segunda irá dos 10 aos 12. Os debuxos poden presentarse nas propias bibliotecas ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, do 1 ao 30 de abril.

Actos e propostas no Día do Libro

Para pechar este mes conmemorativo, o sábado 23 de abril o Concello de Ames celebrará o Día do Libro con varias actividades ao longo da xornada. A xornada comezará ás 12:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que acollerá a presentación da recompilación dos textos gañadores da edición de 2021 do Certame Literario de Ames.

Xa pola tarde, a partir das 17:30 horas arrincará da praza de Chavián o espectáculo itinerante “A Tropa do Doutor Milagre”, que logo pasará pola praza da Maía e o Pazo da Peregrina. No propio pazo, ás 18:30 horas, Charo Pita conducirá unha sesión de contacontos infantil, mentres que unha hora despois, ás 19:30 horas, haberá unha proposta similar para o público adulto, que contará con servizo de conciliación.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames festeja el Mes do Libro con música, talleres, sorteos y concursos"

El Correo Gallego:

"As bibliotecas amesás dan ás ao seu mes do libro cun programa que chama a ler"

"Comeza o mes do libro co espectáculo ‘Little Neno’"

Enfoques: "Ames celebra el mes del libro con una amplia variedad de actividades, concursos y sorteos"

AMSGO!: "Completo programa de actividades polo mes do libro"

Lindeiros: "Mes do libro nas bibliotecas de Ames"

As bibliotecas de Ames celebran o mes do libro cunha ampla variedade de actividades, concursos e sorteos

Multimedia

  • As bibliotecas de Ames celebran o mes do libro cunha ampla variedade de actividades, concursos e sorteos
  • As bibliotecas de Ames celebran o mes do libro cunha ampla variedade de actividades, concursos e sorteos
  • As bibliotecas de Ames celebran o mes do libro cunha ampla variedade de actividades, concursos e sorteos