- Tematica
O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. Estas actividades terán lugar este mércores 8 e o xoves 9, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 20:00 horas. A primeira delas será “Cuestión social: protocolo, boas maneiras e imaxe”, da escritora e experta en protocolo social Margarita Murillo, que busca aproximarnos de xeito sinxelo a esta serie de hábitos e condutas. Por outra parte, o xoves será a quenda da escritora Charo Pita e da obra “Retratos en branco e negro”, unha serie de retratos fantasmais onde o cotián e o extraordinario se mesturan.
As bibliotecas amesás dan continuidade un mes máis as súas actividades de animación á lectura para o público adulto, anunciando dúas novas presentacións de libros nesta segunda semana do mes de xuño. Estas dúas presentacións, que se desenvolverán no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, son un adianto dunha serie de eventos literarios que se anunciarán en próximas datas.
“Cuestión social: protocolo, boas maneiras e imaxe”, o mércores 8 de xuño
A primeira presentación de xuño será este mesmo mércores 8, con Margarita Murillo e o seu libro “Cuestión social: protocolo, boas maneiras e imaxe”. Trátase dun traballo sinxelo e accesible, que trata de achegar as boas maneiras do protocolo social ao día a día. O xeito de comportarnos e de relacionarnos cos demais é unha aprendizaxe que nos acompaña ao longo da nosa vida, pero os cambios na sociedade e na propia situación individual provocan que debamos estar ao tanto de novos códigos de conduta. No acto estará acompañada de Fernando Rodríguez de la Torre, director de Con C Comunicación e Briefing Galego, e docente de marketing na Universidade de Santiago de Compostela.
Margarita Murillo é experta en protocolo e en organización de eventos, un sector no que traballa dende o ano 1999. Na actualidade, é a directora da consultora Galicia Protocolo, situada no Milladoiro, na que dirixe labores de consultoría, mentoría, asesoría e deseño, organización e dirección de protocolo e eventos. Ademais deste novo traballo, Murillo xa publicou a comezos de 2022 o libro “Internet en el sector profesional del protocolo y eventos”, no que observa e reflexiona sobre a evolución de Internet no sector profesional do protocolo e da organización de actos.
“Retratos en branco e negro”, este xoves 9 de xuño
Por outra banda, este xoves 9 presentarase a obra “Retratos en branco e negro”, da escritora Charo Pita. Publicada pola editoral Galaxia, o libro recolle un conxunto de traballos fantasmais, onde unha serie de elementos como a fotografía, a palabra, o branco e o negro serven para construíren realidades que conxugan o extraordinario e o cotián, que acaban apuntando aos propios lectores e lectoras. No acto, a autora contará coa presenza do escritor Eduardo Rojas; da profesora, autora e investigadora, Loli Vilavedra, e da directora comercial da editorial Galaxia, Tati Mancebo, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.
Charo Pita (A Coruña, 1966) é unha escritora, actriz e contacontos galega, que conta cun amplo repertorio de traballos e publicacións no eido da literatura infantil en galego. Deste xeito, e aínda que no seu traballo como narradora ten unha gran presenza o conto infantil, tamén abrangue outras áreas como o relato erótico, o de terror ou as montaxes musicais. Entre as súas publicacións destacan “Desde Arcadia para Govinda”, Premio de poesía Espiral Maior 2001; “O cuarto de Jane”, XV Premio de poesía erótica Illas Sisargas; “Oxalá estiveses aquí”, “No país do vento”, ou “Andar aos biosbardos”, entre outros.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Murillo e Pita presentan novos libros na Peregrina"