- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames vén de anunciar a súa programación infantil para os meses de outubro, novembro e decembro, con obradoiros e sesións de narrativa oral que terán lugar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. A programación comezará o vindeiro 27 de setembro, co obradoiro de cómic impartido por Santy Gutiérrez na Casa da Cultura do Milladoiro. A ilustración central do cartel xeral do curso 2024/2025 foi elaborada polo gañador da terceira categoría do concurso de debuxo infantil organizado polas bibliotecas con motivo do Día do Libro.
Co comezo dun novo curso lectivo e a chegada do outono, as bibliotecas amesás arrincan de novo a súa programación habitual de animación á lectura para o público infantil, con diversas propostas de narrativa oral e obradoiros ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. O conxunto de actividades foi presentado esta mañá na biblioteca de Bertamiráns, nun acto no que participaron Blas García, alcalde de Ames e concelleiro de Bibliotecas; e Bibiana Calvo e Santiago Eirís, persoal do departamento de Bibliotecas.
A técnica do departamento de Bibliotecas, Bibiana Calvo, explicou que “a intención das actividades de animación á lectura é complementar, desde un punto de vista lúdico, o ensino académico, tratando temas que poidan interesar ao público infantil e contribuír a formalos en temas transversais como medio ambiente ou igualdade”. Ademais, presentou unha das grandes novidades deste novo curso que comeza: “Este ano quixemos facilitar a consulta do catálogo por parte dos usuarios. Para iso creamos un perfil de Pinterest, para ofrecer unha búsqueda máis visual, coa portada do libro, un breve resumo e unha ligazón ao catálogo das bibliotecas”. Pódese acceder ao perfil de Pinterest das bibliotecas municipais premendo nesta ligazón.
Por outra banda, o alcalde e concelleiro de Bibliotecas, Blas García, puxo en valor “o traballo que se ven facendo desde o departamento de Bibliotecas, non só neste último trimestre senón ao longo de todo o ano. As dúas bibliotecas son espazos culturais moi importantes onde a nosa veciñanza pasa moito tempo desfrutando da súa oferta cultural e de actividades, e é preciso seguir apostando por eles”. Así mesmo, explicou que “desde a Corporación estamos a traballar activamente nestes espazos para adaptalos ás necesidades dos usuarios, e mesmo estamos estudando a súa ampliación, algo que consideramos moi positivo porque cando unha biblioteca se queda pequena significa que a poboación ten interese por aprender e formarse”.
Para reservar praza nestas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, cómpre poñerse en contacto co departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, e para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.
Sesións de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos
Ao longo do último trimestre do ano, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidos a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.
Neste senso, a primeira actividade será “Animais que mudan”, que terá lugar os días 8, 9 e 10 de outubro na biblioteca de Bertamiráns e os días 15, 16 e 17 no Milladoiro. As inscricións para participar na sesión de Bertamiráns estarán abertas do 1 ao 5 de outubro. Pola súa banda, para Milladoiro poderase realizar a inscrición do 7 ao 11 de outubro.
Así mesmo, no mes de outubro tamén se celebrará o sorteo dos gañadores da campaña de animación á lectura Superlectores 2024, que se iniciou no mes de abril con motivo do Día do Libro. Os agasallos entregaranse o 24 de outubro, Día da Biblioteca. Con motivo da celebración desta data tan sinalada, as bibliotecas de Ames tamén repartirán os marcapáxinas conmemorativos coas ilustracións das gañadoras da primeira e segunda categoría do concurso de debuxo infantil do Día do Libro 2024.
A proposta correspondente ao mes de novembro será “Contos montruosos”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 en Bertamiráns e o 26, 27 e 28 de novembro o Milladoiro. Neste caso, as inscricións abrirán do 4 ao 9 de novembro para a actividade en Bertamiráns e do 18 ao 23 de novembro para a sesión no Milladoiro.
Proximamente se anunciarán as datas nas que se celebrarán as sesións de contacontos do mes de decembro.
Obradoiros para a rapazada de 3º a 6º de primaria
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén dous obradoiros para as crianzas de 3º a 6º de primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:00 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.
O mes de setembro comeza cun “Obradoiro de cómic” da man de Santy Gutiérrez, que se celebrará o venres 27 no Milladoiro e o sábado 28 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 16 ao 24 de setembro.
Co gallo da celebración do Día da Biblioteca o 24 de outubro, o taller literario “O meu caderno de lecturas” terá lugar o venres 25 no Milladoiro e o sábado 28 en Bertamiráns. As inscricións para esta actividade poderán realizarse para ambas bibliotecas do 14 ao 22 de outubro.
Xa no mes de novembro, con motivo do Día Mundial da Ciencia que se celebra o 10 deste mes, as bibliotecas municipais acollerán un obradoiro centrado na robótica e a electrónica. As datas serán anunciadas proximamente.
Para concluír as propostas de animación á lectura, en decembro terá lugar un obradoiro de manualidades de Nadal, que se celebrará o venres 13 no Milladoiro e o sábado 14 en Bertamiráns. As inscricións neste caso poderán realizarse do 2 ao 10 de decembro.
Campaña Superlectores
Por outro lado, o departamento de Bibliotecas pon en marcha por cuarto ano consecutivo a iniciativa “Superlectores”, que acadou un gran éxito en edicións anteriores. Coa campaña, as bibliotecas municipais buscan poñer en valor ao seu público máis fiel, ao tempo que presentan o seu fondo ás persoas que aínda que non o coñecen.
Nesta ocasión, “Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos).
Club de Lectura
Outras das novidades que trae o novo curso nas bibliotecas municipais é unha nova edición do Club de Lectura do Milladoiro. A primeira reunión terá lugar o vindeiro 17 de setembro na biblioteca do Milladoiro, e nela acordaranse as lecturas que se realizarán ao longo do ano.
O grupo, que celebrará reunións quincenais, conta actualmente con 19 participantes inscritos, de idade e procedencia diversos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Talleres y narración oral en las bibliotecas de Ames para la recta final del año"