Pestanas principais

As bibliotecas de Ames presentan unha programación especial durante esta semana para celebrar o Día das Bibliotecas

Martes, 20 de outubro de 2020

As bibliotecas municipais do Concello organizaron unha serie de actividades especiais por mor do Día das Bibliotecas, que se celebra o vindeiro sábado 24 de outubro. Na nova programación haberá contacontos infantís e obradoiros creativos para que os máis pequenos creen contos. Ademais, os adultos poderán acudir á sesión de contacontos “Pequenas historias subversivas”, a cargo de Dani Blanco.

Toda a veciñanza de Ames poderá celebrar o Día das Bibliotecas, o sábado 24 de outubro, grazas a nova programación que estas teñen organizada as Bibliotecas municipais de Ames durante esta semana.

Os eventos comezarán hoxe martes 20 de outubro cunha sesión de contacontos para nenos e nenas, de 3 a 8 anos. Esta actividade, que se realizará na biblioteca de Bertamiráns, repetirase os días 21 e 22 de outubro.

A rapazada de entre 8 e 12 anos aínda se pode inscribir aos obradoiros Creacontos. O venres 23, ás 17.30 horas, levarase a cabo na biblioteca do Milladoiro e o sábado 24, ás 11.00 horas, na de Bertamiráns. Na actividade preténdese ensinar todas as variables que ten un mesmo conto. Para iso, xogarase, recortarase, debuxarase. Pero tamén se escribirá, se escoitará e se falará. Deste xeito, entenderase dunha nova maneira as historias contadas de maneira tradicional.

Os adultos tamén poderán desfrutar desta nova programación. O venres 30 de outubro, ás 20.00 horas, Dani Blanco estará na biblioteca de Bertamiráns para desenvolver a sesión de contacontos “Pequenas historias subversivas”.

Nesta actividade reflexionarase sobre asuntos como se Xosé Neira Vilas sabía que, cando escribira “Memorias dun neno labrego” no ano 1961, ía provocar que 28 anos máis tarde caira o muro de Berlín ou ata que punto o azar manexa as nosas vidas. Dani Blanco falará, tamén, sobre Biófilo Panclasta, que estivo en Cangas nos anos 60, ou Cachiño, o mariñeiro Rillote, e que tivo que facer para sobrevivir a un naufraxio en Tristán de Acunha, Ademais, o público preguntarase: Que pintan Los Tamara en todo isto?

Aínda hai prazas libres nesta actividade e nos obradoiros para neno/as. Para acudir, é necesario inscribirse previamente nos teléfonos 981 530 807 (Milladoiro), 981 884 829 (Bertamiráns) ou enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Pequenas historias subversivas.

Multimedia

  • Cartel "Animación á lectura".