- Tematica
Os días 9 e 10 de abril, as bibliotecas municipais acollerán dous encontros literarios nos que se presentarán os libros de literatura infantil “Mambrú volveu da Guerra”, de Carlos Labraña, e “Valentina nunca calas e o monstro da media cara”, de Charo Pita. Ambos eventos forman parte da programación municipal co gallo da celebración do Mes do Libro. A programación completa pode consultarse premendo nesta ligazón.
A programación do “Mes do Libro. Abril 2024” continúa durante a vindeira semana con diversas actividades entre as que se atopan as presentacións de dous libros de literatura infantil: “Mambrú volveu da Guerra”, de Carlos Labraña, e “Valentina nunca calas e o monstro da media cara”, de Charo Pita.
“Mambrú volveu da guerra”, de Carlos Labraña
O martes 9 de abril, ás 17:30 horas, Carlos Labraña estará na biblioteca do Milladoiro para presentar o seu libro “Mambrú volveu da guerra” nun acto dirixido a maiores de 6 anos.
Esta obra conta a historia dunha nena está desexando explorar o parque infantil que abriron ás aforas da súa vila. Mentres está a xogar, encontra por casualidade un boneco enterrado: un soldado de porcelana que lle conta que viviu nesa mesma vila hai moitos anos, pero non é quen de lembrar o seu nome nin como acabou nese lugar. Coa axuda da súa familia, a nena intentará recompoñer o crebacabezas para que o boneco poida atopar o seu lugar.
“Valentina nunca calas e o monstro da media cara”, de Charo Pita
O mércores, 10 de abril, será a quenda de Charo Pita, que presentará a súa obra “Valentina nunca calas e o monstro da media cara” na biblioteca de Bertamiráns ás 17:30 horas. Neste caso, o acto está dirixido a maiores de 3 anos.
A Valentina, a protagonista deste libro, os seus apelidos íanlle coma un traxe a medida: aquela nena nunca nunca calaba. Unha tarde, a súa nai mandouna por un paquete de sal e díxolle: Non enredes polo camiño. Xa sabes que, en canto cae a noite, sae o Monstro da Media Cara.
Neste relato, Charo Pita constrúe unha alegación sobre o valor e o poder da palabra para afrontar e superar os medos, esa emoción desacougante e incontrolada que se desata cando o cerebro detecta unha ameaza ou un perigo, real ou imaxinario. Neste caso, a protagonista atopa na súa capacidade de expresión un recurso fantástico para superar unha mecánica cerebral difícil de controlar, asumindo con sensatez racional unha situación que non sabemos se é realmente perigosa.
Programación “Mes do Libro. Abril 2024”
O Concello de Ames, a través dos departamento de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Cultura, presentou a finais do mes de marzo a programación especial co gallo da celebración do Mes do Libro. Este ano está formada por obradoiros, sesións de contacontos, concursos, teatro e encontros literarios. As actividades, que comezaron o pasado martes 2 de abril, estenderanse ata o sábado 20. A programación completa pode consultarse premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Reparto amesán de líquido contra as velutinas e Mes do Libro con Charo Pita mais Labraña"