Pestanas principais

As Bibliotecas municipais poñen en marcha a programación do mes do libro en Ames 2021

Martes, 06 de abril de 2021

O 23 de abril celébrase o Día do Libro. Con este motivo, as bibliotecas municipais do Concello de Ames veñen de organizar unha programación específica para este mes de abril que inclúe actividades pra nenos/as e adulto/as. O venres 9 de abril, ás 17.30 horas na biblioteca do Milladoiro, realizarse un obradoiro infantil de Creacontos. Para os adultos, durante os xoves de abril haberá diferentes presentacións de libros. Ademais, poderán participar no sorteo de bonos en libros nas librarías de Ames. Un concurso de debuxo sobre o Día do Libro completa a programación.

Comeza a programación que as bibliotecas municipais organizan para Abril, Mes do Libro en Ames. Este é o nome da campaña coa que celebramos o mes de abril, tan importante para o libro e a lectura coa celebración do Día do Libro Infantil o pasado día 2 de abril e do Día do Libro, o vindeiro día 23 de abril.

Trátase dunha completa programación dirixida tanto ao público adulto, como ao infantil. O primeiro contará con obradoiros e interesantes Encontros literarios en Ames coas presentacións de obras de autores como Carlos Negro, María López Sández, Marilar Aleixandre, David Navarro ou Tomás Guerrero. En canto ao público infantil este tamén poderá participar nos obradoiros dirixidos a eles (con inscrición previa), nun concurso de debuxo sobre o libro e a lectura.

Actividades para esta semana
As actividades previstas para esta semana son:
-Concurso infantil de debuxo sobre o Libro e a lectura (do 5 ao 21 de abril).
-Presentación da obra Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro, o xoves 8 no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas.
-Obradoiro de Creacontos, o venres 9, ás 17.30 horas, na biblioteca do Milladoiro, para nenas e nenos de 3º a 6º de primaria. É necesario realizar inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números de teléfono 981 530 807 ou 981 884 829.
-Obradoiro Os contos a debate, o sábado 10, ás 11.00 horas, no auditorio do Milladoiro para público adulto. É necesario realizar inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números de teléfono 981 530 807 ou 981 884 829.
-Sorteo de bonos de desconto nas librerías de Ames por cada compra de libros (do 1 ao 24 de abril).

Sorteo do Mes do Libro en Ames
Ademais, durante este mes de abril poderase participar no sorteo de bonos de libros nas librarías de Ames: Huargo Artis, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e Nenos Nais e O Tinteiro, no Milladoiro. Poderán participar todas aquelas persoas que realicen compras de libros nas librarías participantes ata o 24 de abril. Por cada compra de libros, o establecemento entregará unha papeleta na que a persoa compradora anotará os seus datos persoais e de contacto (nome, apelidos, DNI, email e teléfono) e depositará nunha urna situada na libraría.

Non serán válidas as papeletas que non inclúan o nome e apelidos completos e algunha forma de contacto (teléfono e/ou email). A biblioteca sorteará oito premios de 25 euros por cada unha das librarías participantes, para canxear no mesmo establecemento ata o 8 de maio. Cada participante só poderá recibir un único premio. Consulta as bases de dito sorteo.

En caso de que a mesma persoa resulte agraciada no sorteo, máis dunha vez, non será válido e volverase repetir o sorteo para escoller unha nova persoa premiada. Entre os días 27 de abril e 7 de maio desde o servizo de Bibliotecas poñeranse en contacto coas persoas gañadoras para entregarlle o vale pola cantidade premiada.
 
Música e actividades para o 23 de abril
Esta programación culminará o día 23 de abril coa celebración, no Pazo da Peregrina, do propio Día do Libro con contacontos a cargo de Bea Campos, entrega de premios do concurso de debuxos, obradoiros infantís e unha actuación musical con María Faltri e Jorge Juncal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames celebra el Día do Libro"

El Correo Gallego: "Ames demuestra en el Día del Libro que la lectura no está reñida con la edad"

Abril, Mes do Libro en Ames

Multimedia

  • Abril, Mes do Libro en Ames
  • Sorteo do Mes do Libro en Ames
  • Cartel da presentación de Carlos Negro
  • Cartel sobre o concurso de debuxo
  • Cartel sobre o obradoiro de Creacontos
  • Cartel sobre o obradoiro "Os contos a debate"
  • Cartel sobre o sorteo do Mes do Libro en Ames