Pestanas principais

As bibliotecas municipais presentan a súa programación de contacontos para o primeiro semestre do ano

Domingo, 19 de xaneiro de 2025

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, dependente da Concellería de Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación, presenta a súa programación de contacontos para os primeiros meses do ano e que, como vén sendo habitual, traerá ata as bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns as mellores historias para que os máis cativos de Ames poidan gozar da lectura.

As bibliotecas de Ames dan comezo ás sesións de contacontos para a animación á lectura entre o público infantil, concretamente entre a rapazada de 3 a 8 anos. Con esta iniciativa, xunto cos Encontros Literarios dirixidos cara o público adulto e que se celebran no Pazo da Peregrina, búscase fomentar o hábito da lectura entre a veciñanza de Ames e dar a coñecer novas obras e autores.

Para este primeiro semestre de 2025, están programadas 4 propostas de contacontos que se celebrarán entre os meses de febreiro e maio. Para cada contaconto realizaranse tres sesións ao mes tanto na biblioteca municipal de Bertamiráns como na do Milladoiro, sempre a partir das 17.30 horas.

Inscrición
As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente no prazo indicado para cada un dos contacontos. Pode facerse chamando ao teléfono 981 884 829, para Bertamiráns, ao 981 53 08 07, para a biblioteca do Milladoiro, ou  enviando un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal indicando nomes, apelidos e idade das crianzas que participarán nas sesións xunto cun número de teléfono de contacto.

Programación
As sesións comezarán no vindeiro mes de febreiro con “Contos para xogar”, primeiro estarán en Bertamiráns do martes 4 ao xoves 6, mentres que no Milladoiro levaranse a cabo desde o martes 11 ata o xoves 13. O prazo de inscricións para participar estará aberto do 3 ao 8 de febreiro.

Para o mes de marzo será a quenda dos “Contos de granxa”. As sesións en Bertamiráns terán lugar do martes 11 ao xoves 13 de marzo e no Milladoiro do martes 25 ao xoves 27. Xa para o mes de abril, chegará a Ames o contacontos “Son, son… quen son?”, e estará en Bertamiráns do martes 1 ao xoves 3 e no Milladoiro do martes 22 ao xoves 24 de abril.

A última sesión está programada para o mes de maio con “Un conto para rir antes de durmir”, que se realizará en Bertamiráns do martes 13 ao xoves 15, e en Milladoiro do martes 20 ao xoves 22 de maio.

As bibliotecas municipais presentan a súa programación de contacontos para o primeiro semestre do ano

Multimedia

  • A primeira das sesións terá lugar no mes de febreiro
  • A primeira das sesións terá lugar no mes de febreiro