- Tematica
Tal e como establece a Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, as bibliotecas situadas en territorios que se atopen na Fase 1 de desescalada poden incorporar servizos bibliotecarios, sempre priorizando a protección da saúde e a seguridade tanto para o persoal en bibliotecas como para os usuarios e usuarias dos servizos. Atendendo a esta premisa, este mércores, 20 de maio, procederase á reapertura das bibliotecas municipais de Bertamiráns e o Milladoiro, con novos horarios de atención ao público para atender devolucións, ata o 29 de maio. O servizo de préstamo restablecerase o día 1 de xuño.
Desde a Concellería de Cultura, responsable da área de bibliotecas, fíxose unha proposta de protocolo para a reapertura das bibliotecas municipais de Ames. A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “se trata dunha proposta nun período transitorio, antes de chegar á nova normalidade. Debemos adecuar estas medidas ás características de cada unha das dúas bibliotecas, se ben as administracións sanitarias teñen a última palabra. Para a elaboración da mesma, tivemos en conta as recomendacións do Ministerio de Cultura e Deporte, institucións bibliotecarias, e persoal municipal das bibliotecas de Ames, con medidas de seguridade e hixiene moi específicas”.
Atendendo ao protocolo de reapertura das bibliotecas municipais, nesta Fase 1 non se poderán levar a cabo actividades culturais, actividades de estudo en sala ou de préstamo interbibliotecario, así como calquera outro servizo destinado ao público distinto destes. Así mesmo, non se poderá facer uso dos computadores e medios informáticos das bibliotecas destinados para o uso público da cidadanía, así como de catálogos de acceso público en liña ou catálogos en fichas da biblioteca.
Establécense, ademáis, medidas e medios deseñadas para o persoal traballador, como o uso de luvas, máscara, a utilización de xeles, o mantemento das distancias sociais entre as persoas e evitar reunións físicas, coa organización das quendas. Contémplase o lavado frecuente de mans, e a limpeza e desinfección das instalacións, mobiliario e equipos de traballo. Asi mesmo, procederase a pechar e panelar, instalar balizas en zonas habilitadas, clausurar os computadores de uso público, e habilitar un espazo para depositar os libros durante 14 días. Igualmente, vaise dispoñer dun procedemento de limpeza e desinfección que responda as características do centro e á intensidade de uso.
Horarios de atención ao público
Nesta primeira semana de reapertura non haberá o servizo de préstamo domiciliario, que se manterá pechado ata o 1 de xuño. Tampouco se contempla o acceso a coleccións e consultas en sala e, as salas de lectura, prensa e estudo, tamén permanecerán pechadas. Si se reanuda o servizo de devolución de obras, que se pode realizar nos novos horarios de atención ao público. Así, a Biblioteca do Milladoiro abrirá de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 16:00 a 20:00 horas. A Biblioteca de Bertamiráns vaino facer de luns a venres de10:00 a 14:00 horas e os xoves de 16:00 a 20:00 horas.
Recomendacións
Desde o Departamento de Bibliotecas recomendan a corentena das publicacións devoltas debido a que a desinfección pode danar as obras, así como meter os materiais en caixas colocadas no chan, ou en bolsas, en cada biblioteca. Unha vez consultadas as obras (en papel ou outros soportes) depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante polo menos catorce días, de maneira que poida garantirse que non estean infectadas cando volvan ser utilizadas. Durante ese tempo aparecerán no catálogo como prestados.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Comezan a funcionar as bibliotecas de Vedra, Ames e Trazo"